Cando a UE é unha lousa

Opasado venres Grecia viviu a súa terceira folga xeral no que vai de ano. Houbo manifestacións nas principais cidades. O paro foi convocado tanto polos sindicatos do sector privado (GSEE) como público (Adevy), próximos ao Goberno, así como pola forte corrente sindical PAME, dirixida polo Partido Comunista; sumáronse tamén outras forzas de esquerda. A folga rexeitaba a esixencia da Unión Europea de novas medidas de flexibilidade laboral, e rebaixas nas pensións (que representan o ingreso principal no 51,8 por cento dos fogares) e o aumento das cotizacións para os autónomos. Ademais, o FMI, como parte da Troika, preme para que se manteña a desregulación laboral así como impedir a negociación colectiva despois de que remate o terceiro resgate no ano 2018. Estes requisitos son parte da concesión dunha nova partida monetaria correspondente a este último resgate da economía grega (de 86 mil millóns de euros en total).
Chama a atención que o paro fose apoiado por Syriza. Unha decisión que pensan pode darlles rédito electoral, xa que esta postura non lle impide despois aceptar e executar as imposicións da Unión Europea. Imposicións en beneficio dos bancos de Alemaña e Francia, que son os principais acredores. De pouco serviron os resgates a Grecia. A renda por persoa recuou todo os anos dende 2008, pasando dos 21.800 euros a 16.200 en 2015. Hoxe, sobre a metade da poboación está por debaixo da liña de pobreza. 
As dificultades de Grecia non se solucionaron cos resgates, que se amosaron ineficaces e  agravaron o problema orixinal. Por se non abondase, o país perdeu gran parte do seu patrimonio empresarial público, que foi vendido a corporacións foráneas a prezos de saldo, e a débeda estatal non deixou de medrar malia a aparente quita por parte da UE, superando xa os 320 mil millóns de euros. 
Nesta situación é lóxico que haxa quen considere que Grecia é un protectorado e unha colonia da débeda. Resulta evidente que os que optaron polo mal menor, como Syriza, levaron a Grecia a un camiño sen saída. Aínda que os sacrificios por abandonar o euro e mesmo a UE fosen moitos, terían permitido construír un país menos desigual e soberano. 

Cando a UE é unha lousa

Te puede interesar