MÁIS DE FÚTBOL

A fin de semana pasada comezou un novo campionato de Liga. Aínda que este tan seguido xogo de pelota non desapareceu das pantallas televisivas en todo o verán. Quen quixo puido contemplar partidos case que tódolos días: Copa Federacións, campionatos sub 21, 19, 18..., partidos amigables e ata case dos tan comúns outrora de solteiros contra casados. Houbo de todo. Mais a xente parece que non cansa. Peor aínda, que cada día traga máis co que lle boten.
Certo é que aínda estamos en agosto e, consecuentemente, hai que supor que segue a haber moita xente “gozando” das merecidas e necesarias vacacións. Mais non todo o mundo. Xa que logo, entendo que non ten sentido ningún poñer partidos ás once da noite cando o día seguinte é laborable.
Xa sabemos que ninguén obriga ninguén a asistir ou non a eses partidos, mais a lóxica di a xente vai –non houbo máis que ver a que había mércores no Vicente Calderón– e xa non digamos en establecementos hostaleiros de tódolos recunchos ou nos domicilios de cadaquén. Millóns de persoas trasnoitando. Polo que nos contan –será verdade en tempos de tantas trolas?– todos estes despropósitos teñen que ver co negocio das cadeas televisivas en Asia. Hai que facilitarlles que poidan ver o xogo da “mellor liga do mundo?” e de “la roja” para que nos vexan amigos e así seguir aproveitándose  –os de sempre, claro, para que nomes?– do que se puxer a tiro de carabina.
Un goberno serio, sensato e responsable tiña que facerlle fronte a estas anomalías, como a tantas outras. Mirar para outro lado parece dar a entender que podería haber moito pringue polo medio e iso –menos nestes momentos– non é para nada bo.
Se cadra, a ministra Báñez pense que os millóns de parados, xa que non teñen dereito nin a un traballo nin a unha vida digna, si teñen dereito a entreterse as 24 horas do día. O problema é que case todo o fútbol televisivo é de pago e a inmensa maioría dos desempregados –como non for por conexións irregulares– é difícil que teñan acceso a eses canais. Eu nunca o tiven. En calquera caso, como xa deixei escrito moitas veces, son amante do fútbol e adoito ver os partidos que me interesan, mais nunca se son de madrugada. En definitiva, que xa temos un ano máis outros espectáculos en marcha. Porque espectáculo é o que está a acontecer con Bale.
Un “profesional” que ten un contrato asinado cunha entidade, de pronto, decide que non pensa volver xogar aí. Pois que non xogue, porque de quen non xoga ninguén se acorda e xa non vale. Mais hai quen pon moito diñeiro polo medio e o diñeiro adoita comprar o que ou a quen faga falta.
Neste caso do futbolista galés é o capricho de Florentino Pérez o que procura, por riba de tódalas faltas de respecto e iniquidades posibles, a súa fichaxe polo Real Madrid. A cantidade inmoral (e amoral) de diñeiro que están dispostos a pagar non sabemos de quen é. Quen o vai poñer é o club. O que parece que si se sabe é que o máximo dirixente do equipo madrileño ten bastante que ver con Albada, a empresa concesionaria da planta de tratamento do lixo de Nostián. Os traballadores xa levan tempo en conflito polo convenio colectivo no que se lles quere incrementar significativamente o número de horas de traballo, reducir sobradamente os salarios e poñer xente na rúa. E don Florentino só pensando en Bale. Un grande de España. Imos ben, mi madriña querida! E por certo, como se pronunciará ben Bale?

 

MÁIS DE FÚTBOL

Te puede interesar