A ONU dobrégase ante os cartos

Osecretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, viuse obrigado a explicar a polémica decisión de retirar da lista negra de países e grupos que danan a infancia nas guerras a coalición que lidera Arabia Saudita, e coa que intervén no Iemen. A xustificación desta institución internacional é que varios países ameazaron con deixar de pagar as cotas, cortar as achegas de axuda a Palestina, e mesmo ditar unha fatua para declarar a ONU como anti-islámica (por Arabia Saudita). Segundo o informe da ONU, o reino saudita e os seus aliados son os responsábeis do 60% dos 785 menores mortos e dos 1.168 feridos no Iemen no pasado ano. 
O que está a suceder no Iemen amosa ate que punto a ONU, así como outros organismos internacionais, están subordinados ás potencias comandadas polos Estados Unidos.  É así porque calan ou avalan as agresións cando afectan aos países máis pequenos (carentes de valedores) e nacións que manteñen unha liña independente. Só cando se trata das potencias emerxentes que teñen capacidade nuclear, mesmo existindo fortes presións, hai unha actitude máis cautelosa e medida. Por esta razón, malia que a intervención de Arabia Saudita, dos Emiratos e outros estados (co arroupe da Liga Árabe) contra o Iemen viola o dereito internacional, o Consello de Seguridade da ONU non tomou unha decisión lóxica e necesaria, como esixir a inmediata retirada de tropas fóraneas, rematar cos bombardeos, e rexeitar calquera tipo de inxerencia indirecta.  
Segundo os analistas a intervención de Arabia Saudita e dos Emiratos no Iemen, para alén de ter    aspecto relixioso (sunita) e pretender castigar os hutis (xiítas), na realidade agocha a disputa con Irán pola hexemonía na rexión. Os bombardeos de Riad e a incursión terrestre dos Emiratos cébanse na poboación de todas as correntes musulmás, e ademais, a intervención deu pulo ao avance da Al-Qaeda local, coa que os sauditas manteñen relación. Iemen sofre unha guerra tan dura como a de Siria e Iraq. Porén, neste caso non interesa divulgala nos grandes medios. Será porque non participa Rusia e as alianzas das potencias occidentais son máis evidentes, e inxustificábeis?
 

A ONU dobrégase ante os cartos

Te puede interesar