Madeira

Para Cholo, futbolista e amigo de vello, que non gusta de saír do rueiro


Se este domingo alguén tivese a ocorrencia de ler estas liñas, que saiba que non ando por estes nosos lares, porque, sempre que se poida, é moi saudable desconectar totalmente do cotián, do de tódolos días, por moi diferentes que poidan ser e por moi feliz que un se poida atopar neles.
A monotonía, mesmo cos pequenos ou grandes retoques de imaxinación que cada un sexa quen de meterlle, acaba, dun xeito ou doutro, asfixiándonos. Cando menos a min. Ver outras caras, outras paisaxes –rústicas ou urbanas–, outros xeitos de vivir, de comer, de falar... dan azos, espabilan o espírito. Desde adolescente tiven a sorte de poder pasar os veráns fóra da cidade. Primeiro na praia de Cabanas e despois na da Magdalena de Cedeira. Evidentemente era un cambio de aires. Mais, cando dispuxen de posibles propios, sempre procurei perderme uns días por outras latitudes. Tanto pola miña evasión como, tamén importante, para que os fillos puidesen coñecer un pouco do mundo.
Este ano tocoulle ó arquipélago de Madeira, con base en Funchal, a capital, territorios portugueses desde o primeiro cuarto do século XV que nunca antes tripei. Ademais de moitas outras cousas –das que, supoño, a día de hoxe xa terei gozado e seguirei gozando algúns días máis– esta fuxida ten a vantaxe engadida de que permite desenferruxar os coñecementos do idioma portugués, pouco practicado nos últimos tempos.
Hai anos adoitaba viaxar con certa frecuencia a Portugal e, xa que logo, ía mantendo certas habilidades no uso do idioma. Nesa altura –digamos anos oitenta e primeira metade dos noventa– coñecía Porto, Coimbra ou Lisboa case como Ferrol, A Coruña ou Santiago. A pé, en auto ou no que for. Xa non digamos localidades máis pequenas como Valença, Caminha, Viana do Castelo ou Vila do Conde, esa vila irmandada coa nosa.
Mais o tempo pasa e os recordos dos lugares –que, a maiores, tamén mudan de aspecto– que deixaches certo tempo de visitar esvaecen. De feito, polo antroido último, perdinme na entrada do Porto. Para min, que fixera ducias de veces ese percorrido, aquilo era pouco menos que o Sahara. Logo xa foi outra cousa, mais...
Como dixen vou procurar desenferruxar o falar e o escoitar portugués, malia que o sutaque madeirense me sexa totalmente descoñecido. Os meus estudos de dialectoloxía portuguesa nunca foron moi intensos e, alén diso, fican moi na distancia.
En calquera caso, dubido que o falar destas illas teña máis dificultades de comprensión que o de Lisboa. Malia que no ano 1978 botei mes e medio seguido facendo un curso de portugués para estranxeiros na Universidade, debo confesar que sempre que volvín á capital da República portuguesa –cantidade de veces– sempre precisei dun certo tempo para empezar a entender algo.
En definitiva, do que se trata é de exercitar a mente e osixenar o corpo e o espírito lonxe do territorio onde nos toca padecer cada día de cada ano toda caste de tristezas e desgrazas provocadas polos que queren ser amos do mundo e amparadas polos nosos gobernos de turno, a cada paso máis parecidos.

 

Madeira

Te puede interesar