É a primeira vez que o Club de Prensa inaugura dúas exposicións ao mesmo tempo, e isto para os organizadores é unha tarefa ardua, ben complicada, porque si montar unha exposición xa é moi laborioso, dúas supón dobre quebranto organizativo. Pero ámbalas dúas xa están penduradas nas paredes das salas do terceiro andar de Afundación, un lugar idóneo para celebrar eventos destas características polo seu emprazamento no centro da cidade onde a xente pode acudir con máis facilidade a visitalas. As dúas mostras corresponden a 24 Edición de Galicia en Foco do fotoxornalismo galego e a Mostra da Caricatura encadrada no que o Club de Prensa chama Festa da Caricatura cidade de Ferrol.
De Galicia en Foco pouco máis se pode dicir do que se leva dito pois ven de ser un certame veterano e un referente en Galicia de fotoxornalismo onde os fotógrafos deixan testemuña de feitos acontecidos perante o ano, neste caso o 2014, contribuíndo así a formar unha importante historia gráfica de Galicia segundo a visión de cada un deles. Uns centran a súa atención en feitos relacionados coa política, outros co deporte, coas protestas sociais, etc e algúns con sucesos que deixaron fonda pegada como por exemplo o accidente en Santiago do tren que procedía de Madrid e dirixíase a Ferrol. Precisamente unha foto de Xoán Soler sobre este tráxico accidente foi a gañadora de esta edición. Alguén pode pensar que nesta mostra falta algunha instantánea e estará no certo, pero todo o reflectido nesta exposición sucedeu realmente e os fotoxornalistas que estaban aí o que fixeron foi levantar acta do acontecido foto a foto.
E que dicir da Mostra da Caricatura: penso que en Ferrol é a primeira vez que se celebra un evento así onde máis de vinte caricaturistas amosan os seus traballos de maneira moi persoal. A meirande parte dos debuxantes son colaboradores na prensa escrita, son ilustradores de noticias e sobre todo dos personaxes que as provocan, de aí que unha mostra así encaixe dentro das directrices organizativas do Club de Prensa cuxas actividades, como é lóxico e natural, céntranse ao derredor dos medios de comunicación. Os artistas executan unha labor nada en Italia hai 300 anos esaxerando os trazos máis significativos da anatomía do personaxe que é para o observador tan recoñecible como se fose un retrato real. Os que vaian a visitar esta exposición observarán varios estilos: uns en releve con volume moi acentuado, coma en tres dimensións, e outros realizados case con dous trazos. Tamén hai caricaturas onde se utilizan efectos técnicos de última xeración realizados a través do ordenador. Pero o que si provocan as caricaturas en calquera caso e un inevitable sorriso nos espectador e iso precisamente é o que persegue a mostra: amosar arte e provocar un sorriso.
Nesta exposición faise un recoñecemento a un dos grandes da caricatura mundial, a un paisano noso chamado José Cao, un lucense que emigrou a Arxentina a finais do século XIX e converteuse alí no pai da caricatura. Segundo se entra na sala, á dereita hai varios traballos deste artista ao que o Club de Prensa desexa poñer en valor para que dunha vez por todas sexa recoñecido aquí, na súa terra.
Galicia en Foco vai viaxar por toda Galicia e a Mostra da Caricatura supón a primeira pedra dun certame que se espera sexa anual. Parabéns a todos os que o fixeron posible.