Quen empurra o mundo á confrontación?

|

António Guterres, o secretario xeral da ONU, chama a atención sobre os pasos que se están a dar a prol da división do mundo en dous bloques, unha fractura que considera moi grave. Realiza esta previsión por mor do medre da confrontación entre Estados Unidos (USA) e China, que se estende non só ao ámbito económico e militar, senón tamén á moeda de reserva, regras de comercio, intelixencia artificial, etc. Guterres coida que esta ruptura sería moi negativa nun mundo que enfronta retos tan importantes como as pandemias, a desfeita ecolóxica, riscos de conflitos e inestabilidade que poden alargar a anarquía ao espazo cibernético.

Mais a ruptura está directamente relacionada coa oposición de Washington a aceptar un mundo multipolar, e o temor a que con este modelo de globalización neoliberal, que USA construíu en beneficio das súas corporacións, China termine impoñéndose como primeira potencia. Daquela que, aproveitando que aínda son a forza determinante no militar, máxime con centos de bases en todo o mundo, na moeda de reserva e no ámbito financeiro, na comunicación e na cultura de masas, así como en moitos aspectos das novas tecnoloxías, Washington quere dividir o mundo en dous bloques desiguais. Para reducir así a capacidade de Pequín, como fixeron coa URSS, e nunha segunda etapa impoñer de novo a súa hexemonía universal. Lembremos que se consideran “o pobo escollido”. 

Daquela que Trump estea facendo todos os esforzos posíbeis para alentar a tensión con China, Rusia, Iran, etc. que aplique sancións a empresas, organismos e persoas destes países, e mesmo utilice provocacións e intervencións armadas en distintos lugares do mundo. Trátase de acelerar a ruptura na práctica, socializando seu relato a nivel planetario aproveitando a súa hexemonía neste ámbito, forzando así o apoio das nacións aliadas e ás subalternas, e das corporacións privadas. 

Claro que esta aposta ten seus perigos para os Estados Unidos, porque sempre existe a posibilidade de que o mundo se fracture non só en dous bloques principais senón que ademais xurdan outros  que manteñan posturas propias segundo o tema (India, Turquía,...). Será tamén esta a actitude da UE?  Non está claro, máxime cando carece de unidade interna, a presenza militar e empresarial de Washington é tan grande, e a asociación para a explotación dos países subalternos é tan estreita; aínda que a andaina pola que aposta Estados Unidos é moi perigosa e pode converter á Unión Europea en irrelevante. A globalización como a coñecemos é cousa do pasado. 

Quen empurra o mundo á confrontación?