Volvoreta

Hai cen anos e uns cantos meses vía a luz “Volvoreta”, a coñecida novela de Wenceslao Fernández Flórez. Editada pola madrileña Librería de los Sucesores de Hernando, levaba portada de Castelao, unha paisaxe galega. Pouco despois, concretamente o 4 de maio de 1917, o xurado encargado de fallar o concurso de novela do Círculo de Bellas Artes de Madrid, composto por José Ortega Gasset, la condesa de Pardo Bazán e Ramón Pérez de Ayala, decidiu premiar a obra de Fernández Flórez, na altura cronista parlamentario do diario ABC coas recoñecidas “Acotaciones de un oyente”.
A obra tivo boa acollida e no propio ano 1917 aparecería a segunda edición, desta volta editada pola tamén madrileña Librería de la Viuda de Pueyo, que leva como portada un retrato da moza protagonista da autoría de Llorens, na que, debaixo do título, se fai constar “Novela premiada en el Concurso del Círculo de Bellas Artes”.
Pois ben, “Volvoreta” volve estar de actualidade. Na tarde-noite de antonte venres tivo lugar en Villa Florentina, na que foi casa de vacacións do escritor e da súa familia, ubicada na parroquia de San Salvador de Cecebre, no concello de Cambre, a presentación do primeiro número de Volvoreta / Revista de literatura, xornalismo e historia do cinema, que acaba de saír do prelo editada pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez e da que teño a honra de ser director, que non de dirixir, dado que este é un traballo colectivo das diferentes persoas que conformamos o padroado, empezando polo presidente José Luís Castro de Paz, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago.
Todos sabemos que as actuais normas de escrita do galego ditan que a palabra bolboreta debe grafarse así, con dous bes, e non con dous uves como a escribiu Fernández Flórez, na liña do que era usual naquel tempo e en tempos posteriores. A orixe da palabra é incerta, mais os portugueses, de sempre, a representaron con dous bes: borboleta.
Sexa como for, os responsables da nova publicación, que está previsto que teña periodicidade anual, entendemos que o que semellaba máis razoable era utilizar a palabra tal e como o fixera o autor da novela e segue figurando nas portadas de todas as súas edicións.
En poucos días, a revista, que consta dun apartado de achegas ao autor e á centenaria obra que lle dá título e outro de edición de materiais rigorosamente inéditos –dous guións cinematográficos–, poderá consultarse na páxina web da Fundación Wenceslao Fernández Flórez. Consúltena que, con toda seguridade, van atopar algo do seu interese.
 

Volvoreta

Te puede interesar