Arte e realidade

Visitei Madrid co fin de ver varias exposicións pictóricas que por distintos motivos atraían a miña atención, entre elas a dos magníficos debuxos de Goya -máis de trescentas ilustracións que requiren de varias sesións se se aspira a percibir cada detalle- e a de dúas pintoras do século XVI, Sofonisba Aguissola e Lavinia Fontana, silenciadas durante moito tempo e descubertas no meu caso grazas á obra de Ángeles Caso, Ellas mismas. Autorretratros de pintoras. Gustoume descubrir a obra sociopolítica de Jörg Immendorff, pintor neoxpresionista alemán, que reflicte a Alemaña dividida pola guerra fría; mais debo recoñecer que a obra da austríaca romaní Ceija Stojka, sendo de menor calidade, foi a que máis me conmoveu, así como as palabras que lle escoitei nun vídeo que forma parte da exposición. Os seus cadros amosan a barbarie dos campos de concentración nazis nos que estivo recluída. Antonte, precisamente, lembraba os amoreamentos nos barracóns que recolle nas súas pinturas  ao ver imaxes dos centros migratorios mexicanos que, ao igual que os campos de refuxiados, parecen non alarmarnos en demasía.

Arte e realidade

Te puede interesar