Non souberon expandirse

As grandes empresas galaicas ou con sede no territorio souberon expandirse polo mundo e deixar a súa marca, coa única excepción de Deputación de Ourense, que só traballa na súa provincia, pero o resto, desde Pescanova a Inditex, teñen presenza internacional. Tamén existen outras moitas, con grandes números de facturación, pero que non saen na prensa que teñen obras, oficinas e recoñecemento nos cinco continentes e aí seguen, capeando a crise e facendo negocio.
Entre este conglomerado empresarial autóctono, as caixas tamén se botaron ao monte en comezaron a abrir sucursais por todo o mundo, emulando ás grandes entidades financeiras da city londinense. Coa crise todo se afundiu e Castellano, cando se fixo cargo do desastre, unha das primeiras medidas que adoptou na súa reestruturación das entidades fusionadas foi desfacerse das sucursais exteriores para vendelas a quen as necesitase.
Mentres que o lóxico sería que houbese oficinas no norte de Portugal e nas comunidades limítrofes con Galicia e algunhas por aí nas principais cidades, os antigos xestores pensaban ao grande e así abriron sucursais en Miami e Sudamérica e en poboacións españolas nas que chamaba a atención ver unha pica galaica asentada nunha rúa escondida. Por certo que o despacho do estado de Florida anunciaron que era o máis rendible do mundo e que de aí a dominar o país de Obama era un paso. A fin de contas o único polo que será recordado polos cubanos de alí será por unha exposición de Goya.
Esas sucursais estranxeiras só serviron para facer turismo aos altos cargos das caixas, coa figura do axente colaborador gañarían máis e reducirían custes, pero era a época de canto máis caro mellor e xa estaban os impositores galaicos para sufragar eses dispendios con comisións por meter cartos, por sacalos, por deixalos alí ou por non mirar de esguello un caixeiro. O certo é que non souberon expandirse.
Pois xa pouco nos queda aos galaicos unha vez que Novagalicia cambie de mans, á espera de que Pescanova non acabe dividida en ducias de empresas controladas por un fondo de inversión, que son os actuais donos das grandes firmas. O malo é que non haxa conglomerados financeiros internacionais que compren as empresas públicas da Xunta para desfacernos dese lastre artificial creado polos sucesivos gobernos de San Caetano. Imaxinemos que Seaga fose propiedade dun fondo de Wall Street ou que Sogama estivese ás ordes dun país do golfo Pérsico.
Para consolarnos só nos queda reflexionar despois dunha cea de marisco, aínda que non teña velas, porque iso de solucionar os problemas do país en comidas interminables non é algo que dominemos os galaicos, que somos máis de alimentarnos pola noite, que é cando se pode falar e beber de máis para reducir ao contrincante e facerlle asinar contratos navais a miles.

Non souberon expandirse

Te puede interesar