O CU DA RAÍÑA

Dende a miña nenez tiven sempre curiosidade pola denominación dunha rocha que está na entrada da ría preto do castelo da Palma que todo o mundo coñece polo “cu da raíña”. Souben que tiña que ver coa arribada que fixera no último terzo do século XVll a raíña Mariana de Neoburgo que tivo que recalar nestas costas debido a un forte temporal cando a escuadra de barcos que a escoltaban dirixíanse a Coruña. Moito máis tarde chegou as miñas mans un libro sobre este episodio de Guillermo Escrigas que hoxe, xunto a profesora María Fidalgo deron unha palestra en Mugardos falando precisamente da estadía casual desa raíña que xa viña casada por poderes có calamidade de Carllos II, un rei “pasmado” froito dunha endogamia a gran escala que o converteu nun inútil, física e mentalmente. E Mariana chegou co gallo de darlle fillos ó personaxe en cuestión, cousa realmente imposible dadas as circunstancias.
Pero había que intentalo. Tanto Guillermo Escrigas coma Mª Fidalgo fixeron unha exposición clara, moi didáctica e ilustrativa pasando a testemuña de un para o outro con fluidez e falando cada quen do que lle correspondía, separando a vida de Mariana de Neoburgo no seu contexto histórico, cousa que lle correspondeu a Mª Fidalgo, da accidentada viaxe que dou coa súa real anatomía en Mugardos, da que se encargou Escrigas.
Segundo documentos expostos na conferencia, semella que Mariana de Neoburgo estivo en Mugardos cinco días, iso si, sen saír do barco que fondeou na enseada do Baño namentres decidíase que é o que se facía con ela, se trasladala por mar a Coruña ou por terra, que foi a opción elixida. De Mugardos a Pontedeume, de aí a Betanzos e logo a Coruña onde renderíanselle todos os honores que xa lle tiñan programados. Ata chegar a Madrid, toda unha odisea. Todo isto está no libro aludido.
Pero eu voume a quedar agora co que Guillermo Escrigas chamou a historia novelada, a ficción histórica no que se refire especificamente a esa rocha coñecida por todo o mundo como “O cu da raíña” onde din que Mariana apousentou as súas reais pousadeiras. Voulles contar que eu, de rapaz, cando faciamos incursión en bote polas inmediacións da rocha, tentei subir a ela dende o mar ( a única maneira). Misión imposible. So o acadan as gaivotas ou algún corvo mariño. Entón eu tamén fixen a miña elucubración, e pregunto: Non sería esta lenda froito do sarcástico e irónico carácter e sutil imaxinación dos mariñeiros de Mugardos que, ó ver a aquela dama grande, con enormes peitos e supoño que con opulento traseiro, dixeron: “mira a rocha; igualiña ó cu da raíña!!” E así quedou bautizada. De acordo: é unha elucubración coma outra calquera, pero podería ser, non si?
 A anatomía de Mariana de Neoburgo e os antecedentes familiares – tiña vinte tres irmáns- prognosticaban unha segura fertilidade que foi inútil dada a infecundidade do seu calamitoso esposo que morreu, como era lóxico e natural, sen descendencia ( fin da dinastía dos Austrias e comezo da Borbónica).
Tamén chamoume a atención a existencia dun retrato que lle fixeron en Mugardos perante os cinco días que estivo aquí, un retrato de pintor descoñecido, que permaneceu colgado moito tempo na “Casa da Condesa” de O Baño ata que pasou as mas de Felipe Bello Piñeiro e hoxe pertence a unha colección particular.
Están a piques de cumprirse trescentos vinte cinco anos da chegada casual a Mugardos da raíña Mariana de Neoburgo, e Guillermo Escrigas e Mª Fidalgo fixeron lembranza do evento. Parabéns.

 

O CU DA RAÍÑA

Te puede interesar