Leccións

Contra comezos de ano, a última vez que estiven en Vigo, atopei un vello amigo pola rúa. No transcurso da conversa preguntoume se fora á cidade por ver o Pergamiño Vindel, aínda que axiña se decatou de que xa o debería ter visto en calquera das miñas tres viaxes a Nova Iorque. –”Pois nunca o vin -confeseille–, e desta volta parece que tampouco vai ser”. Fora por outro asunto, non tiven tempo e xa non houbo ocasión.Como lembrarán que, mercede a un convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, o Pergamiño Vindel, a pequena folla de vitela que contén as sete cantigas de Martín Codax atopada, en 1914, polo libreiro de lance madrileño Pedro Vindel, como parte da encadernación dun exemplar manuscrito do século XIV da obra De Officiis de Cicerón, a finais de setembro de 2017 puido viaxar a Galicia para ser exposto en Vigo, no Museo do Mar de Galicia, entre os meses de outubro do pasado ano e marzo de 2018. É sabido que desde 1977 é propiedade da The Morgan Library & Museum, sita en Manhattan, no Midtown. Por aquilo tan común de ir adiando as cousas, nunca cheguei a entrar alí, malia que durante mes e medio estiven impartindo docencia no Graduate Center da City University of New York, que está moi perto, diría que a menos de cen metros. E iso que, ademais de albergar o que é, sen dúbida, unha das xoias da literatura medieval galego-portuguesa posúe pezas de grande interese. A vida é así. Sempre acababa no MOMA, que tamén estaba moi perto, e, obviamente, tampouco é mala escolla. As mitomanías, idolatrías..., por outra parte, nunca casaron moito comigo. Hai cinco días, o 2 de outubro, chegou a Galicia, con motivo da exposición Castelao Maxistral, que quedou inaugurada o pasado venres na Cidade da Cultura, “A derradeira leición do mestre”, o óleo sobre lenzo que o artista e político rianxeiro pintou no seu exilio bonaerense en 1945 e que se conserva no Centro Galicia de Buenos Aires. Como é ben sabido é o traslado a outra técnica e formato da sexta das estampas que, co mesmo título, mais en tinta chinesa, aparecera no álbum Galicia Mártir, publicado en Valencia en 1937, o primeiro dos 3 álbumes de guerra que denuncian da represión fascistoide que estaba a padecer Galicia. O álbum está dedicado “Aos galegos que andan pol-o mundo”. Esta obra si que tiven o pracer de contemplala na capital da Arxentina, na sede Centro Galicia. Mais debo dicir que non foi en ningunha das miñas primeiras visitas a esa cidade, nos meses que residín en Montevideo en 1989, senón hai dez anos, na miña última visita. Cadroulle así. Antes do 3 de marzo, agardo volver a vela en Santiago. Con calma e sen ter que volver escoitar barbaridades do presidente Feijóo como que o cadro representa a “defensa da educación sen fanatismo” ou que “somos a Galicia que soñaba Castelao”. Non hai tal, reproduce un deses miles de bárbaros asasinatos franquistas que quedaron impunes.
 

Leccións

Te puede interesar