KATMANDÚ

Onde ían aqueles “hippies” (miñasxoias, cousa linda que foi esmorecendo por falla de ideas, e morreu a golpes de faca de Charles Manson e o seu fedello infernal) sentirse no teito do mundo.

Alá foi agora unha das nosas mellores directoras, Icíar Bollaín, tomarle o pulso ao cinema de tendencia ou belixerancia. Nunha película que se chama “Katmandú, un espejo en el cielo”, con Verónica Echegui de protagonista.

Conforta coa especie cinematográfica ver que aínda queda xente quen de escribir argumentos “sentidos”, virarlle ao cisne da mera estética (neste filme haina tamén, se non de que) o seu pescozo trampullán, facernos saber humanos cando ao noso redor todo é naufraxio. Como Icíar Bollaín, a directora de “Te doy mis ojos” ou “También la lluvia”, esa dona espléndida que ergue o cinema á categoría ética que as artes (todas) merecen. E por iso que desta volta desprega os seus argumentos no Nepal, ese país fermosísimo, orfo de case todo. Onde vai parar unha mestra belixerante, caste de “Nazarín” (Galdos máis Buñuel: arrebato) con saias, muller alebrestada que vai parar onde as femias son refugallos para unha sociedade varada nun sistema onde a monarquía feudal ten aínda acougo. E con todo a beleza, o desexo de ensinar, será o motor que faga de Laia, a mestra comprometida, un papaventos humano, a se erguer riba de tanta orfandade. Película intensa, arrebatada, cunha Icíar Bollaín en estado de graza. Non a perdan.

KATMANDÚ

Te puede interesar