Había meses abondos que non acudía a actos sociais e, aínda que non os botaba, en absoluto, de menos, este luns pasado decidín achegarme á Cidade da Cultura do Gaiás compotelano á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2016. Era unha boa ocasión para acompañar e lles dar os parabéns a dúas das persoas premiadas, amigas de vello ás que admiro de veras: Carlos Valle –director do Museo de Pontevedra– e María Xosé Queizán. Gustei da alocución de Carlos Valle, sempre brillante e cabal, mais non me doen prendas se digo que fiquei entusiasmado coa intervención de María Xosé Queizán. Visual e intelectualmente elegante, como sempre, plena de vida e color, obsequiounos coa lectura dun poema: “Caduco”. Un texto non só contra os tópicos cos que adoitan identificarnos senón tamén contra os que nos autoidentificamos. Encantoume a súa rotundidade. Só o feito de escoitar esa peza maxistral na voz da súa autora xustificou sobradamente as dúas horas de viaxe pola cada día máis descoidada e perigosa AP-9.