Atracción polo cabalo gañador

|

Camiñamos polo proceso de campaña electoral cun feixe da causas e cousas que provocan balbordo, desconfianza e moito misterio á razón da lóxica humana. Dentro delas non podía faltar un clásico, a bondade da información veraz ou máis ben todo o contrario, a maldade no intento de facer un uso maligno e perverso diso que coñecemos polas enquisas publicadas. Abofé que algo hai de todo iso. Non se pode obviar o seu papel instrumental á hora de buscar orientar á opinión publica e polo tanto ao conxunto do censo electoral chamado a votar, ou polo menos intentar facer iso, claro é. Tampouco se pode negar que detrás existe un traballo de pescuda que achega datos reais e válidos da tendencia existente entre a xente que debe escoller unha futura papeleta electoral. Con todo, é difícil separar a palla do gran á hora de ver o bo ou o malo de casa caso.

Por iso, poderíase considerar que as sondaxes de opinión, as enquisas, son instrumentos que carga o mesmo diaño en función do propósito para o que se conciben. Velaí, tamén, o papel da “cociña” á hora de traducir tendencias, máis o menos certeiras, en resultados expresados en numero exacto de escanos que é o que finalmente provocará o titular a grandes letras do medio de prensa e, consecuencia diso, o que ficará na retina do futuro elector. Sondaxe de campo con mostra directa e ampla, enquisa telefónica cun número reducido de chamadas, tracking diario coa adicción de pequenas variacións apreciadas e, na cima da técnica, media das enquisas feitas por outros e adobadas cun abano de cálculo electrónico que dea pinta de rigor científico. Todo vale.

O xogo non é inútil, certo que non. A socioloxía achéganos o chamado “efecto de carro”, bandwagon; e dicir a disposición a subirse ao carro de quen se ve primeiro na carreira, un fenómeno polo que a taxa de aceptación de ideas, modas e tendencias aumenta canto máis fosen adoptadas por outros; ou que semella van adoptar. Tanto que, nada menos que até un cinco por cento do electorado opta finalmente por votar á opción que cre será a triunfadora. Velaí a función motivadora que teñen as enquisas, a favor de quen interese ou pague o traballo; e do seu efecto contrario no rival, desmobilizando á súa base electoral. É atracción polo cabalo gañador.

Atracción polo cabalo gañador