Memoria

Nese preciso lugar do cerebro no que se conservan os recordos que non se esquecen, mentres o tan preciado mecanismo coordinado aos outros elementos do corpo humano exerza con normalidade as funcións que lle foron encomendadas, quedarán gravadas as vivencias, positivas ou negativas, que querendo, ou de xeito involuntario, afloran á pantalla do computador que levamos por riba dos ombreiros…
“¡Oh! Memoria enemiga mortal de mis recuerdos”, dicía D. Miguel de Cervantes, e séculos antes, Marco Tulio Cicerón, dirixíndose aos seus discípulos falaba da memoria acompañándose daquela solemne frase: “Recordo incluso o que non quero, pero olvidar non podo e que quero”.
É necesario recordar, xa que a acordanza é o material co que fabricamos o futuro. É bo engraxar as células recordando tempos, épocas, momentos, as experiencias significativas da nosa vida na nosa cidade, comarca ou país, sen para nada esquecer ao resto do mundo. 
Os sucesos acaecidos, bos, malos ou peores, que en ningún caso teñen marcha atrás, pero puidera servir para rectificar e mellorar conductas futuras.
Recordar sen rancor e sen intención de vinganza. A vinganza é unha vileza. É unha vileza como é ofender, cometer perversidades, inxustizas e abusar dos máis débiles.
Non esquecer. Si, perdoar. A memoria histórica. As secuelas que aínda hoxe arrastramos da guerra civil e da posguerra convén reparalas. Xa.
A guerra civil española foi moito máis ca unha cuestión de bos e malos, de ideoloxías políticas e relixiosas.
Foi unha exacerbada loita fraticida e tola na que todos perdimos e da que aínda hoxe quedan feridas supurantes que urxe curar, ondenón, puidera que as ideoloxías antidemocráticas volveran escaravellar nelas e no profundo das sacras liberdades, con intención de repetir outra viaxe a ningures.
A guerra civil española, coma todas as guerras, foi un desastre. Un longo e nefasto episodio de odio e morte que nunca máis se debe repetir. 
Non olvidemos o pasado para que non se volva reproducir aquela calamidade. Centos de milleiros de mortos, pobos e ciudades destruídas, fame, miseria. Atrocidades entre uns outros, irmáns, parentes, veciños, españoles todos.
As persoas que vivimos a posguerra sufrimos as múltiples necesidades daqueles anos. Escaseza e ás veces falta total dos productos máis básicos. As cartillas por cupóns, do racionamento. 
A sanidade  –salvo para os ricos e para os que diron o golpe de Estado, que pronto conseguiron bos postos e cargos políticos amasando verdadeiras fortunas– era prácticamente nula.
A gran represión dos que ganaron a guerra que todos perdimos, que actuaron contra o pobo de xeito inhumano, foi horrible. Consellos de guerra sen garantía alguna, torturas, violacións, fusilamentos, cárcere por moitos anos por non pensar coma eles, exilio, deportacións, expoliacións, milleiros de mestres, médicos, sindicalistas e xente de esquerdas, principalmente intelectuais –a cultura estorbaba ao goberno dictatorial– desposuídos dos títulos académicos e universitarios, acurralados e masacrados.
Todas aquelas persoas, homes e mulleres que non foran afíns ao réxime fascista eran inimigos a abater. Vergonzante, covarde e cruel exterminio de canto estorbara ao réxime.
O estricto aillamento ao que fomos sometidos polo resto dos países por vivirmos baixo un goberno totalitario, unha dictadura encabezada por un ferrolán que se autoproclamou, “caudillo de España, por la gracia de Dios”, fíxonos retroceder ao medievo.
O medo ás represión e á vinganza, o odio e o fero antidemocrático réxime franquista, foron os toques diarios de diana e retreta para moitos  millóns de persoas durante os primeiros anos da postguerra.
Na guerra civil e despois dela houbo moito sufrimento en España e noutros países de Europa e América aos que moitas persoas tiveron que fuxir.
Aquel sufrimento e aquel  exilio non foi alleo a Galiza, e concretamente a Ferrol e as comarcas do seu arredor.
¡Oh!, memoria. Non debemos esquecer. Recordar o pasado, para non volver tropezar na mesma pedra. 

Memoria

Te puede interesar