Música no sábado noite

Fermosa noite a do último sábado no Campo da Feira, ou Parque da Igrexa, de Cambre. O tempo, un chisco revolto, estivo moi respectuoso, como se tamén quixese gozar da música e das voces de Miro Casabella e de Pablo Milanés, protagonistas da segunda edición do Festival Corazón e Bravura, “Homenaxe a Miro Casabella”, que organiza o concello cambrés. Unha nutrida asistencia, moita dela de pé, seguiu con entusiasmo as dúas horas e media de interpretacións, mestura de temas recentes con auténticos clásicos que un -a min pásame- non se farta nunca de escoitar. Tal así “O meu país” -hai quen pensa que debería ser obrigatorio aprender nas escolas-, “¡De qué callada manera / se me adentra usted sonriendo, / como si fuera la primavera! / .., son con versos do grande Nicolás Guillén, ou “Yolanda”: “Si me faltaras no voy a morirme / si he de morir quiero que sea contigo”...
E que dicir de escoitalos contemplando ese espléndido exemplo de románico compostelán, século XII, que é a Igrexa de Santa María? Silencio.

Música no sábado noite

Te puede interesar