De fados e fadistas

un tempo a esta parte, ano e tal, o fado é un dos temas nos que traballo acotío. Ocúpome, concretamente, daqueles textos –moitísimos máis dos que pensaba– que saíron do miolo e da pluma de poetas –coñecidos e recoñecidos como tales fóra deste mundo da música portuguesa– e que interpretaron ou interpretan as máis diferentes voces de fadistas, mulleres e homes. 
A cousa foi, como tantas outras na vida, casual. Penso a idea de me poñer a pesquisar nesa parcela do mundo do fado surxiu consultando algo do poeta Alexandre O’Neill, interesante figura da literatura portuguesa, ao meu entender, ao que cheguei hai un lote de anos a través dos poemas seus que musicou e cantou Fausto (Bordalo Dias), o cantautor –por definilo dalgún xeito– que, xunto con José Afonso e Vitorino, ocupa o podio das miñas preferencias nese tipo de canción en Portugal. Sabía que algúns coñecidos temas de Fausto (“E viemos nascidos do mar”, “Lusitana”, “Porque Me Olhas Assim”) foran interpretados por relevantes fadistas como Ana Moura, Mafalda Arnauth, Camané. Mais nunca reparara en que O’Neill fora autor de textos que se tornaran fados nas voces de Amália Rodrigues, Kátia Guerreiro, Carminho, Cristina Branco ou Carlos do Carmo.
Este último foi o primeiro fadista que vin actuando en vivo e en directo e o intérprete do primeiro vinilo de fados que comprei na miña vida: Um Homem na Cidade (1977), un LP conformado por 12 temas con versos de Ary dos Santos, aquel importante poeta e excepcional rapsoda que foi, apreciación esta coa que creo que concordará o benquerido Manolo Bacalhao.
Carlos do Carmo, dado que naceu o 21 de decembro de 1939, vai facer oitenta anos e anunciou a súa xubilación para case xa. Con ese motivo, baixo o título de Oitenta, acaba de aparecer unha compilación, en 4 CDs, de 80 temas dos moitos que gravou ao longo da súa carreira. Pois ben, botándolle un ollo ao que o cantante lisboeta recolle nesta súa escolma batín con que unha das cancións é “Ferro-Velho”, isto é, a versión portuguesa, realizada por Alexandre O’Neill, de “El drapaire” de Joan Manuel Serrat, tema que o fadista gravou e editou xa en 1972 e posteriormente incoporou a diferentes recopilatorios.
Chegados a este punto, creo que non estaría de máis lembrar, porque non é moi coñecido, que foi o propio Serrat o primeiro que gravou esa canción –que, en catalán, aparecera no seu primeiro single de 1963– en portugués. Foi en 1969, nun single, fabricado por Decca Portugal para London Globe, que contiña ademais “O Saltimbanco” (“El titiritero”), en versión portuguesa de Alexandre O’Neill. Nese mesmo ano viru a luz tamén o LP Joan Manuel Serrat / ...e a suas canções, onde as versións de 8 dos 12 temas son, así mesmo, de O’Neill. 

De fados e fadistas

Te puede interesar