Dálle ó veo...

De momento, parece se os ventos de guerra amainaron un pouco e non vai haber ese, a todas luces, ilegal ataque a Siria que se anunciaba inminente. As posturas, contrarias a esa intervención, de Rusia e China semellan firmes e o seu voto negativo no seo do Consello de Seguridade das Nacións Unidas dificulta a toma de decisións dos máis interesados no uso de armamento destrutivo. A pela é a pela e hai quen ve niso outro negocio máis, importante visto o fracaso da invasión de Afganistán: saír co rabo entre as pernas e deixar as cousas peor que estaban –velaí o caso das xentes que actuaron de intérpretes das forzas militares ocupantes. Case o mesmiño que está a pasar en Irak ou sucedeu en Libia. Despois dos asasinatos de Saddam Hussein e de Muamar el Gadafi, que pasou? E en Siria acontecería outro tanto, por iso, os señores da guerra –nada menos que con todo un Nobel da Paz á cabeza– sempre falaron de non atacar por vía terrestre. Non coñezo nin Libia nin Irak, mais si estiven en Siria hai cinco anos, con ocasión dunha viaxe de estudo da área de Arqueoloxía da Universidade de Santiago. A situación que vimos no país era de tranquilidade, agás na zona das cidades de Hama e Homs, onde se facía patente a forte presenza de islamismo profundo dos Irmáns Musulmáns, nomeadamente na vestimenta das mulleres e na agresividade contra os foráneos. Para parar pouco por alí, como así se fixo. Lendo ou escoitando as crónicas dos xa prolongados enfrontamentos armados decatámonos de que é nesa zona onde os rebeldes ofrecen maior resistencia. En Hama, xa desde os anos setenta os Irmáns Musulmáns foron protagonistas de revoltas armadas que acabaron na masacre de 1982. En Exipto os Irmáns Musulmáns gañaron unhas eleccións tan libres e democráticas como as que na nosa contorna gañaron no seu día Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijoo ou José Manuel Rey. Mais en Exipto, como ós “donos” da democracia non lles viu ben o resultado, decidiron que iso non podía ser e había que botalos. E xa. A volver ó punto de partida. Pobres sirios se despois de tantas mortes –polos dous bandos, naturalmente– acaban nunha historia parecida. Os combates continúan, mais a nova de que non vai haber bombardeos externos inminentes non deixa de ser unha apertura á esperanza.
Aquí, pola contra, en dous días xa recibimos dúas noticias desesperanzadoras e desesperantes. Ademais de preocupantes e redundantes no engano. Unha chega de Madrid, o da moi próxima perda de poder adquisitivo das pensións. Por moito que a señora ministra do ramo, dona Fátima, intente maquear, trivializándoo, este espiñento asunto todo apunta a que as clases pasivas van perder anualmente bastante poder adquisitivo. Que supón unha suba asegurada dun 0.25% en comparación coas porcentaxes de incremento na electricidade, no transporte, no gas (butano ou natural)..., mesmo do IPC que sempre se acaba axustando de xeito ficticio para non alarmar? Falando en prata: unha merda. Vai supor unha perda dun mínimo do 1.75%. Non obstante, a mensaxe que se quere transmitir é que temos uns gobernos tan bos, tan bos, tan boíños, que só pensan en nós e que nos queren tanto que nos garanten unha suba. E o persoal, como os peixes, segue a chamada do “enguado” e pica no anzó. Parvos que somos.
A outra chega de Compostela. Don Alberto e os seus –faltando ás promesas de devolución do detraído daquela maneira– deciden manter a quita nas pagas extras dos funcionarios no próximo ano. Moi ben, moi ben, moi ben... pero que moi ben. De nota. En canto a “jeta”, obviamente.

 

Dálle ó veo...

Te puede interesar