O sector lácteo non sae de pobre

|

H ai agora xustamente tres anos publicabamos nesta mesma columna un artigo titulado “Daquelas esforzadas mulleres”. A reflexión que faciamos nel versaba acerca do traballo realizado tradicionalmente polas mulleres galegas, sobre todo do campo, e que aínda recordabamos ben da nosa infancia. No artigo de Catherine Davies, experta en Rosalía de Castro, “Rosalía de Castro e a antropóloga feminista inglesa Annette Meakin”, aludíase ao libro “Woman in Transition”, da autoría da propia A. Meakin. Os eloxios á muller galega fanse nel evidentes; mulleres cuxos homes están na emigración en Sudamérica, e que se dedican á agricultura con tanta virilidade “como os nosos empregados de banco ingleses son efeminados. Estas mulleres enérxicas, alegres e incansábeis, son extraordinarias polo desenvolvemento físico dos seus músculos, e sobre todo polos enormes pesos que levan na cabeza” –citamos literalmente. 
Días atrás, Miguel-Anxo Murado escribía o artigo “La elegancia de las lecheras”. Á calor da situación calamitosa que está a vivir o sector lácteo, o lugués tiraba un fermoso artigo en que  rememoraba ás esforzadas e estilosas leiteiras transportando sobre un mulido na cabeza as súas cántaras. Mais dito equilibrio, dío o seu autor, viña a ser unha sorte de metáfora do que estaba por vir. As súas lembranzas, igual que as miñas, pertencen á década de 70. A posterior entrada na CEE, e que todo o mudaría, habería de suceder para 1985. Aqueles tempos das esforzadas mulleres, pois, con tinas de cinc na cabeza coa roupa para lavar no río, ou con aqueloutras cestas cargadas de patacas, peixe, galiñas, verzas ou o que for foron ficando, por fortuna, paseniñamente atrás. 
As leiteiras da miña infancia eran as de Covas. Subían ao coche de liña de Ramón y Suárez para desembarcaren en Ferrol coas caldeiretas na Porta de Canido. Rogaban o leite polas rúas, ou levábano de encargo ás casas, transportándoo nos seus carros de rodas de goma puxados por un varal. Eran Josefa de Marica, Lita das Cabazas e a Paxariña; e Josefa da Avieira e Carme de Marina, de Covarradeiras; Mercedes a Perillana, da Aldea; Virtudes, da Fonte de Vidre; e a Bancaneta de Ragón, como ten recordado Siro López. Moito antes, sen dúbida, farían o seu carreto a pé subindo penosamente a costa da Bailadora até chegaren á cidade. Esforzado e heroico traballo, mais non menor que o das caldupeiras levando enormes potas de caldo para ofrecérono aos operarios da Construtora, ou o das percebeiras, tanto de San Xurxo como de Meirás, cos carretos sobre a cabeza a por de estragaren as cervicais. 
A entrada na CEE (a actual UE) veuno mudar todo, tanto para ben como para mal. E o avance, sen dúbida, foi espectacular: desde as óptimas condicións hixiénicas en que o leite tiña de ser ofrecido para poder chegar ao consumidor, até o correcto envasado e o saneamento das outrora caducas explotacións gandeiras. Galiza, e a forza de apertar moito os dentes, cumpriu con todo o que lle foi exixido. Sacrificáronse vacas –onde foi parar aquel “Un millón de vacas” que escribira Manuel Rivas–, fecháronse explotacións, aceptáronse as cotas que reducían enormemente a produción, modernizáronse as granxas. Todos e cada un dos pasos, tal e como lle foran pedidos, acometéronse para converter os leiteiros galegos en modernos gandeiros á altura de Europa. A produción galega de leite, así mesmo, continuou e continúa aínda sendo superior á do resto das comunidades autónomas españolas. E, pese a todo, son os leiteiros peor pagos de todo o Estado español. E por que? Cal é a razón que leva a que os intermediarios na compra directa dese leite llelo paguen máis barato que a ningún outro? Por que custa máis producilo que vendelo? 
O sector lácteo axuda a consolidar o rural. A actividade agraria en xeral é vital para que exista esa parte da poboación que –cada vez máis escasa– mantén vivo o campo. Dicíamolo aí atrás nun dos nosos artigos. Os traballadores ocupados no sector agrícola en Alemaña, o país máis industrializado de Europa, achegan o 3% á súa economía, repercutindo apenas nun 1% no PIB. Mais a agricultura, a silvicultura e a pesca xuntas provén de maiores bens e servizos que sectores tan importantes como a industria farmacéutica ou a papeleira. En consecuencia, podemos afirmar que a produtividade é máxima. Mais aquí para o leite, disque foron primeiro as cotas, e agora a ausencia delas, e a miopía empresarial para desenvolver unha industria forte, e o abuso na distribución, e o leite utilizado como produto reclamo en superficies comerciais, etc. O que con exactitude? Ao que certamente estamos é a perder o tren, ao facer fuxir do campo a aqueles que si o aman de verdade e o queren traballar. Que o minifundio en Galiza é unha verdadeira desgraza, nin se pon en dubida, ora non menos que o abandono do monte e o desinterese por que este arda ou non. E é que, ao final, todo vén ser unha concatenación de circunstancias adversas para vermos, entre tanto, como o agro agoniza.

O sector lácteo non sae de pobre