CULPÁBEL: A ESCOLA

Unha das posturas máis cómodas ante a vida, caso de existir un problema, é a da persoa que tenta eludir a súa responsabilidade en detrimento de terceiras persoas ou de colectivos. Non querer asumir o rol que lle corresponde a un dentro do xogo que lle toca realizar é un mal endémico que debera ser, cando menos, reconducido con sentidiño, sobre todo se queremos ter unha sociedade saudábel, equilibrada, competitiva e, por cima de todas as demais cousas, educada. A educación, xa que logo, ten que ser “sensu latu”, pois así é habitualmente para todos os xéneros da vida. A tribo, ou dito doutro xeito, a sociedade, pero antes a familia, alén da escola, deben ser os actores, así como os colaboradores, do, chamémoslle, feito educativo. Unha má praxe deste proceso educativo, a non asunción de dita responsabilidade, que é social, tradúcese de inmediato nun problema sobrevindo, ás veces de dimensións maiúsculas, para a propia sociedade. Vén a nosa reflexión ao caso, unha vez soubemos do novo Informe PISA, o cal nos deixa outra vez bastante mal parados, pero a todos. E remarcamos o vocábulo todos, porque o mal, non nos esquezamos, é social, non soamente escolar, xa que haberá quen, agarrándose á razón endémica, queira guindar a pelota sobre o tellado da escola, coma se se tratase da única responsábel en dito proceso.
Dentro dos países da OCDE, os estudantes españois están ao bordo do suspenso na resolución de problemas. Os titulares dos medios de comunicación inciden en falar de “estudantes”, e aí é onde vén a nosa lóxica observación. É fácil de entender, por outra parte, o siloxismo estabelecido. Rapaces de quince anos que, examinados por dito organismo, responden diante dun ordenador a toda unha serie de cuestións relativas á resolución de problemas, aínda que sexan da vida cotiá. Rapaces escolarizados e, en definitiva, estudantes, pois que ese se presupón ha de ser o seu principal cometido e ocupación na vida.  
Permítannos, non obstante, que fagamos aquí unha leve modificación semántica. Se en troca de “estudantes” se falase de simplemente “rapaces” ou de “persoas”, iso si, de quince anos, talvez o contido semántico deses titulares tan enfáticos, así como do desenvolvemento da noticia chegarían a ser un pouco distintos. O reparto de cargas e, en resumidas contas, de responsabilidades, poderían dese xeito se cadra estar un pouquichiño mellor distribuídas.
A resolución destes problemas, presuntamente matemáticos, ou se acaso mesmo de lóxica matemática, versaban, tal como antes dixemos, sobre asuntos da vida cotiá. Así pois, resolver o manexo dun ar acondicionado sen axuda de instrucións, prever o percorrido dun robot aspirador, saber do funcionamento dun MP3 ou tirar os billetes de metro ou de tren nunha máquina sen poder retroceder, son asunto de estrita aplicación nunha escola? Non. Por suposto que non. E da familia?
A xente enorgullécese de ver a un meniño, bebé practicamente, manexando un i-phone con absoluta destreza. O mesmo, no caso dun vídeoxogo coa súa consola, ou resolvendo un asunto de funcionamento do software dun computador así que medran un pouquiño. Pero –e aí é onde vén o aparentemente ilóxico do asunto que estamos a tratar– fracasa ante a resolución de tal tipo de problemas cando estes son para ser realizados diante dun ordenador. O fracaso, porén, non é tanto caso de que o problema sexa exposto sobre o papel. Que é o que sucede realmente? Fácil. Unha, sen dúbida, un asunto de tempos, pois ante o ordenador parece como que a premura ha de ser maior que ante o papel. Outra, sen dúbida tamén, que os rapaces cada vez teñen un maior problema de comprensión lectora, comezando na máis tenra infancia coa educación infantil e arrastrándose até a universidade.
Si podemos discutir, pois é unha cuestión de opinión pública, aínda que son os pedagogos aos que deberan consultar ao respecto, que tipo de escola deberamos ter. Créannos se lles dicimos que non existe unha variña máxica que nos resolva o problema, e o que resulta válido para un lugar non o é tanto para outro necesariamente. O sistema educativo dun determinado país ou lugar, por bon que sexa, é difícil transpantalo a outro, pois tamén a sociedade ha de ser distintia por forza, de aí a dificultade de acomodación.
Pero insistimos en que o problema é a coeducación ou, o que é o mesmo, a educación entre todos, por máis que os que opinan descarguen a maior parte da culpa no sistema educativo. Que se é pouco práctico, que se é basicamente memorístico (unha falacia absoluta no noso caso), que se son moitas materias, que se é demasiado tradicional, etc. Todas poida que teñan até a súa parte de razón ao respecto. Un pacto social entre as diversas partes, velaí o máis urxente por facer. Colocar o carro diante dos bois, carece de sentido. De que valen as estupendas ferramentas das novas tecnoloxías na educación, de que vale deificalas cando non se sabe ler nin interpretar un texto, mesmo para resolver un sinxelo problema matemático? Pénseno.   

 

CULPÁBEL: A ESCOLA

Te puede interesar