Seica nos países democráticos, a mentira é unha das cousas que a xente menos perdoa nun político. En España non é así, pois que como alguén dixo unha vez, “Spain is diferent”. Segundo as declaracións de políticos, analistas e xornalistas, semella que o sr. Rajoy mentiu numerosas veces na súa época no Goberno e, nembargante, gañou dúas veces seguidas as eleccións, malia as súas mentiras e as denuncias de corrupción contra o seu partido. Coido que o noso comportamento electoral pode ser un amplo campo de estudo para sociólogos e psicólogos, pois parece que estamos mergullados nunha vaga de corrupción e mentiras. Agora dáselle por dicir que o PSOE ten a chave para formar goberno, como se non houbese outros que puideran darlle os votos que lle faltan. Pretende deste xeito culpar aos socialistas da súa incapacidade para acadar apoios? Se cadra pensa que todos somos uns paspáns? Pois como diría un meu amigo, “Pode que si e pode que non, pero o máis seguro é: quen sabe?”