NEGRURAS

Na roda de prensa que seguiu ó Consello de Ministros do pasado venres, o ministro de Industria manifestou que non ve máis que vantaxes –o que ven todos os membros deste goberno sempre que aproban algo– no novo sistema de prezos da electricidade que entrará en vigor o próximo 1º de abril. Segundo as súas palabras, os consumidores aforrarán por pagar o prezo do mercado e por eliminarse os custos da cobertura das subhastas trimestrais que fixaban ata agora os prezos e tamén pagarán menos, porque co novo sistema aumentará a competencia, dado que haberá máis facilidades para formalizar comercializadoras coas que contratar e haberá tres formas de tarifas. O señor Soria segue insistindo na bonanza do sistema que se vai poñer en práctica. As organizacións de consumidores pensan todo o contrario. Manifestan que se trata dun sistema, non comparable ó de ningún outro país, que vai sementar o caos, que xerará grande incertidume e inseguridade e creará situacións de indefensión. Ó tempo, poñen en dúbida que o mecanismo de fixación de prezos no mercado eléctrico vaia reflectir o custo real (eses prezos están inflados) e están convencidos de que non vai cumprir co dereito básico e fundamental dos consumidores de contar cunha información clara, concreta e transparente. En definitiva: que se trata dunha aberración que Facua pensa que haberá que denunciar en Bruxelas porque, alén de contravir lexislación española, vulnera as directivas comunitarias.
Pensará de verdade o ministro que o novo sistema pode axudar minimamente a mellorar os problemas de enerxía que padecen millóns de persoas ó longo e ancho do territorio español? Estou convencido –porque parvo non parece– de que non acredita para nada niso, mais algo terá que dicir pois para iso está aí onde está. Xa o vira hai pouco nunha entrevista na televisión falando deste tema e non se lle entendía nada, o que adoita suceder cando se din cousas nas que non se cre, que se sabe que non son certas. O que si é certo de que preto de medio millón de galegos e galegas de tódalas idades viven co problema de non saber se cada mes van poder afrontar os pagos da enerxía que consomen, mesmo moi escasa en numerosísimos casos. E iso supón o corte de subministro, con todo o que trae consigo.
Segundo un recentísimo informe, entre 2008 e 2012 o prezo da enerxía medrou ó redor do 30%. E mentres, canto baixaron os salarios?, canta xente perdeu o traballo ou a prestación do paro?
Froito de políticas económicas como a da enerxía e outras parecidas moitísimas familias teñen graves dificultades para poder vivir, inclusive baixo mínimos. E as crianzas son quen máis padecen estas inxustas situacións. Na sesión de control do Parlamento galego de hai uns días, Yolanda Díaz, tomando datos de Cáritas e Unicef, denunciou a situación de emerxencia social que vive Galicia: xa hai máis dun 20% de cativos na pobreza, moitos deles en pobreza extrema.
O presidente Núñez respondeu que dicir, como estaba a facer a parlamentaria de AGE, que os nenos galegos están desnutridos era un insulto ó Sergas que agardaba que retirase. Pregaba tamén á oposición que non fixese lecturas apocalípticas da pobreza en Galicia. Facía fincapé en que son innegables algúns indicadores que acreditan a melloría da macroeconomía que de momento non chegaba ás familias. Sabido é que a macroeconomía non dá de comer e é evidente que moitas nenas e nenos de Galicia están mal mantidos. Utilizou os tan manidos tópicos do PP de que antes da súa chegada ó poder as cousas estaban peor ou que a situación en Andalucía é máis lamentable. O de mal de moitos... e o e ti máis.

NEGRURAS

Te puede interesar