Irimia, Galiza e as romaxes

Hai uns días vimos de celebrar na data da Candelaria a asemblea anual da Asociación Irimia que ten como obxectivo as dúas tarefas: a revista do mesmo nome Irimia, quincenal  nela vemos en cada número a realidade e a esperanza dunha Galiza Nova, e as Romaxes anuais. Esta asociación naceu, en 1977, no Pedregal de Irimia, onde comezou a andaina da celebración das Romaxes de Crentes Galegos, todos os anos no segundo sábado de setembro. Este ano vai celebrar a 41ª Romaxe no Sobrado dos Monxes. 
Dende o seu nacemento trátase dun movemento de crentes galegos e galegas comprometido coa lingua e cultura galegas, e coa preocupación  de facer que a nosa Igrexa Galega viva o Evanxeo de Xesús de Nazaret enraizado na nosa terra; unha asociación que loite pola xustiza e o desenrolo do mundo labrego, de postos de traballo na industria galega, e no mundo mariñeiro; unha asociación que non esquece o problema da xente nova que ten que marchar fóra para buscar un posto de traballo, a igualdade de xénero, etc. Todo isto vai aparecendo nas celebracións dos lugares de toda Galiza, descubrindo a solidariedade con todo o que leva consigo a dignidade da xente na nosa nación galega.
Este movemento cristián naceu un pouco por libre, mais con firmeza por estes obxectivos tan atractivos dende a base en moitas parroquias  As Romaxes, porén, non tiveron  moita acollida, ou ningunha, nas curias dos bispados de Galiza. Concretamente lembramos aquela condena expresa do bispo de Ourense que lanzou un anatema contra a celebración do ano oitenta nos Peares, co lema aséptico “cantiga das augas” polo encontro dos Ríos Sil e Búbal con pai Miño. Non tivera moita sona o tal anatema porque, como se di, o sangue non chegou ao río, nin o anatema tivo máis sona. Mais o resto da Igrexa Galega, agás certos avisos de control, non  tivo unha oposición significativa, ao contrario, con Don Miguel Anxo contouse sempre un deixar facer. 
E As Romaxes seguiron con moito auxe, concretamente en Ferrol tivo sempre unha participación significativa  coa celebración do ano 1985 en Lobadiz-Ferrol  o VIII co lema “Fillo e señor da terra “; ao traveso dos anos coa programación prefixada saían de aquí autobuses de Ferrol Vello, de Santa Mariña, de San Paulo, de San Xoán, de Caranza, Sumándose máis romeiros de San Pedro do Ensanche, de Canido, e de Narón. A mensaxe da celebración, os cantos de Fuxa os Ventos, Saraibas e por fin A Quenlla, quedaban como alento e esperanza para a vida daquel ano nos remeiros e no folclore galego.
Mais, co tempo da crise en todos os eidos, foi esmorecendo. E este esmorecemento parte principalmente en Mondoñedo-Ferrol de Monseñor Gea Escolano coa prohibición expresa aos seus sacerdotes de participaren nas romaxes. 
Un destes sacerdotes, participante activo, Xosé Manuel Carballo, (na nosa lembranza), tivo que aguantar persoalmente este mandato público deste bispo:  “Te prohíbo que asistas a más romaxes. Tú eres un sacerdote con prestigio en Galicia y no quiero que te vean en esas cosas”.  
Agora parece que hai novos aires por esta diocese e aquelas brétemas de cegueira con imposicións, prohibicións e malas prácticas pastorais van desaparecendo e aparecen agoiros de futuro. Se esa Igrexa do futuro -din os teólogos- non dependerá dos presbíteros, esta asociación laica xa empezou,  pois a súa presidenta, Lucía Santiago Díaz, ferrolá, e o seu secretario, Anuncio Moroño, son laicos. A asociación Irimia, porén, non quere prescindir dos curas, abourados por levar a misa dominical aos fieis de varias parroquias; os que desexen descubrir o Evanxeo de Xesús de Nazaret por Galiza adiante, Irimia é un bo referente.

Irimia, Galiza e as romaxes

Te puede interesar