Cinzas

Nestes días pasados, sen que saibamos moi ben por que -de seguro que algo haberá detrás-, trascendeu a Instrución Ad resurgendum cum Christo, redactada pola Congregación da Doctrina da Fe e relativa á sepultura dos defuntos e á conservación das cinzas nos casos de cremación, asunto que xa fora aprobado polo Papa no mes de marzo pasado. E non se entenden ben os motivos desta propaganda, xa que as cifras indican que, de momento, o número de incineracións non aumentou repentina e escandalosamente. En España, por exemplo, os casos seguen sendo minoritarios. En 2015 incineráronse en España ao redor dun terzo dos falecidos, porcentaxe que en Galicia non chegou ao 20%. 
Neste documento, a Igrexa segue aconsellando a inhumación –por ser a forma máis adecuada para expresar a fe e a esperanza na resurrección corporal–, se ben se ratifica en que a cremación non vai contra ningunha das súas verdades. A novidade radica, pois, na emanación de normas sobre a conservación das cinzas. Segundo esta Instrución, as cinzas deben manterse en lugar sagrado, isto é, no cemiterio ou nalgunha área dedicada a tal fin pola autoridade eclesiástica competente. Que malos recordos me trae iso da autoridade competente! As cinzas, xa que logo, non poden estar na casa nin poden repartirse entre os familiares. 
O feito de ter nacido, ter medrado e ter sido educado en pleno nacional-catolicismo franquista fixo que, así como non quere a cousa, me vise forzado a aprender doutrina católica e a practicar os seus ritos. Como a práctica totalidade das persoas do meu tempo –e como as de moreas de xeracións anteriores– convivín coa relixión dun xeito totalmente inconsciente. 
Ata que chegou un momento en, como outra xente, empecei a preguntarme polo sentido que tiña todo aquilo. Hai quen, polo contrario, porque iso de pensar pode ser un tanto cansativo e incómodo, opta por non plantexarse nada e deixa que as cousas continúen sendo as mesmas toda a vida. 
Polo que me contaron na casa, xa de ben cativiño sempre preguntaba polo porqué das cousas, xeito de comportamento vital, ese de querer entender todo, que acompañou a vida enteira, desde que teño recordos ata hoxe. E preguntando comos e porqués fíxenme ateo convencido. E nesas ando. Como é posible que alguén se pregunte que fai un ateo falando de temas relixiosos direi que, por desgraza, malia que a tan defendida Constitución de 1978 recolle que “Ninguna confesión tendrá carácter estatal” (art. 15.3), a relixión católica, con descaro ou subrepticiamente, se mete nas nosas vida e xa non digamos nos nosos cartos. Porque a practiquemos ou non, creamos ou non, a pagamos todos cos nosos impostos, directos e indirectos, cuestión que vexo totalmente inxusta. E dáme, que o relativo ás cinzas na mencionada Instrución algo nos vai acabar custando. A todo o mundo: católicos, musulmáns, budistas, agnósticos, ateos... Porque xa vimos que o texto divulgado fala de depositar as cinzas nos cemiterios ou en áreas dedicadas a tal fin pola autoridade eclesiástica competente, que, en moitos casos, serán superficies municipais e... quen se vai facer cargo das obras se fosen necesarias?
E o que de ningunha maneira entendo é por que nun estado que se declara aconfesional –no papel, que na práctica xa é outra cousa– se lle deu tanto bombo a esta cuestión que só afecta ás persoas que se declaran católicas. E a máis de unha non lle debeu gustar nadiña de nada. Cos prezos que rexen...
 

Cinzas

Te puede interesar