Toca mirar para atrás, desta volta con ira, cun gran cabreo para ser máis exactos. Falo do ano que está a rematar, un ano para non esquecer, senón para recordar, tomando boa nota de todo o que pasamos e que aínda estamos a sufrir. Anque falta un mes para rematalo, práceme hoxe, primeiro dia de decembro, facer unha breve recapitulación do vivido nos últimos once meses, a través dalgúns feitos e dos personaxes que os protagonizaron.
O primeiro e principal protagonista por méritos propios é o Coronavirus. Levamos a dia de hoxe 6o millóns de contaxios e un millón e medio de mortos en todo o mundo, coa cousa in crescendo e sen coñecer aínda a súa orixe, eu penso que nunca o saberemos. Se facemos caso das dubidosas novas, fake news se chaman agora, o principal sospeitoso é China. Unha boa noticia é que empezan a proliferar as vacinas, xa veremos como nos vai.
Anque xa existían antes da pandemia, semella que como unha máis das súas moitas consecuencias, multiplicase no noso país o número de okupas. Na nosa terra, tampouco nos libramos deles. Aí seguen algúns recalcitrantes, erre con erre, negándose a devolver o que nunca foi seu. E non digo máis que logo todo se sabe, ¡adiviña adiviñanza!.
Tampouco o Trump, o cabalo na cacharrería, se resigna a deixar a presidencia dos EEUU, acusando aos demócratas de fraude electoral. Eu nin quito nin poño, nun mundo como o que estamos a vivir, semella que calquera disparate é posible, aínda no país máis adiantado do mundo, disque.
No mes de agosto, auto exiliouse o rei emérito, acusado dun sin fin de delitos económicos e de outra índole. Dende entón, cada dia unha nova acusación. Está ben claro que o exemplo que tivo non foi moi bo. Tampouco aquí quero estenderme máis, que logo lle apoñen a un sona de roxo.
Morre Maradona, disque o mellor futbolista de tódolos tempos. Digo eu que con permiso de Di Stefano, Pelé, Cruiff e Messi entre outros, sen esquecer a Luis Suarez, o coruñés. En calquera caso paréceme excesiva a parafernalia que se montou coa súa morte. Non dubido dos seus méritos deportivos pero no que se refire a súa traxectoria vital, tampouco é para tirar tantos foguetes.
Xa estamos en decembro, aínda poden pasar cousas antes de que remate o ano. Esperemos que sexan boas e que eu as poida contar dende aquí.
Cuidádevos.