LEMBRANZAS DO NADAL

Debe ser cousa destas datas, e tamén dos anos, o que me leva a rememorar feitos da miña nenez, daqueles tempos da cruzada, como lle chamaron logo á desfeita do 36, tristes,  mesquiños e apocalípticos.
Noite de inverno, cociña do forno, o pote do caldo ferve que ferve, co crepitar dos toxos e os asubíos da madeira de carballo mollada, naquela gran lareira. Fóra unha noite escura coma  boca de lobo, frío glacial, xeo nos campos, neve nos cumes e moito medo e xenreira no corazón dos homes.
A carón do lume meus avós, dona Lola e don Eduardo, xogan a brisca. Logo o avó, o patrón como lle chaman todos con grande respecto, conta contos da estadea, de mortos e de aparecidos. Fálanos asemade de cando lle tirou das orellas a Franco, (aínda non era, por suposto, caudillo invicto), por mor de non sei que leria con un cabalo. Moito se ria contándoo.
De súpeto rómpese o feitizo, están petando forte na porta proferindo ao mesmo tempo berros e ameazas. Son unha vez máis os da requisa que, penso eu, por antigos rancores e envexas, téñenlle unha gran teima a nosa familia. Mentres unha vella criada da casa pecha ao vello na súa habitación, miña avoa encarase con aqueles valentes que non era a primeira vez que viñan a desvalixarlle a facenda, camas, colchóns, sabas e comida disque para os combatentes do bando nacional. Levade todo o que queirades pero moito coidado con tocar un só pelo da roupa a alguén da miña casa. Era todo xenio e figura aquela muller, máis ben miúda que non pesaría máis ala de corenta quilos.
Acadado o seu obxectivo. vanse aqueles heroes, salvadores da patria, moi satisfeitos da súa fazaña, entoando cancións patrioteiras, seica cara ao sol e ás montañas nevadas. O paradoxo é que mentres estes indocumentados espoliaban na retagarda o seu patrimonio, meus avós tiñan tres fillos loitando na guerra a prol de Franco.
Non se me alboroten, non estou a desenterrar nada, isto que vos conto son só lembranzas do que viron os ollos dun neno de moi poucos anos que, por riba, non entendía moi ben o que estaba a pasar. Cousas daquela España fanática que loitaba e impartía xustiza en nome de Deus.
Os tempos cambian que é unha barbaridade!, hai uns días dixo o papa Francisco, “urbi et orbi”, que usar o nome de Deus para xustificar a violencia, é unha blasfemia. Non hai comentarios pola miña parte, cada quen é moi dono de pensar o que queira, ou o que máis lle conveña.

LEMBRANZAS DO NADAL

Te puede interesar