O INQUIETANTE AUXE DOS FANATISMOS

O alcance da nosa mirada sobre presuntos acontecementos históricos de relevancia para seren catalogados como tal, é capaz de nos poder levar a erro unha vez a perspectiva do tempo os coloque no lugar que lles deba corresponder. E podemos aseverar, no entanto, que hai vintecinco anos que se produciu o esfarelamento dese universo polarizado que dividía o orbe en dous mundos enfrontados e inimigos, o do capitalismo e o do socialismo real, para finalmente vir este a desmoronar. De modo que a reordenación do mundo, particularmente en Europa, trouxo consigo a construción dun novo status: a UE e os EEUU como opoñentes en liza polo poder económico e mercantil deste planeta globalizado en que hoxe vivimos. 
En consecuencia, o mundo perdeu na práctica esa bipolaridade toda para se converter nunha economía global capitalista e de consumo, ora a potencialidade consumidora varíe de modo significativo dun lugar a outro. Nin dúbida cabe que os países que pertenceran ao telón de aceiro gañaron en liberdades con respecto a antano. A división de poderes e a independencia de cada un destes poderes é inherente a un estado democrático de dereito. Existen, con todo, democracias imperfectas, como sucede no caso da actual Rusia –a falta de liberdade de expresión é evidente, e a homosexualidade, p.e., é considerada un delito–, onde o executivo controla o lexislativo e o xudicial, e as oligarquías económicas (do gas e do petróleo sobre todo) controlan todo o país, por máis que os cidadáns teñan dereito ao voto. 
A xustiza social é inversamente proporcional á brutal crise económica actual que padecemos, dado os índices de desemprego, desafiuzamento, pobreza, desnutrición, emigración,  suicidio... seren alarmantes, polo menos en certos estados do sur da Europa. A liberdade de expresión, un dos bens máis prezados que posuímos, está hoxe en horas baixas –o Goberno español decidiu aprobar ese novo código penal que fai puníbel determinados tipos de protesta, reunións,  manifestacións, etc–. Logo, atinxido este novo tipo de contexto, a liberdade tornouse na primeira da vítimas, e, mírese por onde, achéganos perigosamente ás democracias imperfectas de que falabamos. A soberanía exércea o pobo, mais coa teima da austeridade que Europa reclama, quen é que goberna? Os estados ou os mercados financeiros? Syriza fixo o indicíbel por reconducir a débeda grega. Só logrou, porén, a demisión do seu ministro de economía, Varufakis, tan pronto se formou goberno, así como a do actual primeiro ministro, Tsipras, unha vez aprobado o terceiro rescate ao país, alén da escisión do partido e a convocatoria de eleccións anticipadas. E todo grazas ao Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza da UE. 
Lendo agora a Leonardo Padura, “El hombre que amaba a los perros”, vemos a un Troski defenestrado por Stalin que pasou por un gulag, que foi expulsado da URSS e vaga por distintos países como apestado pola difamación a que é sometido desde dentro e fóra da Unión Soviética. Os trotskistas argumentaban que a URSS estalinista non era socialista nin comunista. 
Tratábase dun estado non capitalista controlado na súa explotación por unha casta dirixente que acumulaba beneficios e privilexios, pese a non ser unha clase social nin propietaria dos medios de produción. Pero o fanatismo non é tan só unha circunstancia propia dos totalitarismos que todos coñecemos (nazismo, estalinismo...), senón doutras múltiples situacións contrarias á dignidade humana. O islamismo dormente maniféstase hoxe de forma brutal, pois houbo quen decidiu alimentar a bicha. Do pueril dislate inventado polos servizos de intelixencia dos EEUU acerca do islamismo extremista alentado por Sadam Hussein, Gadafi e outros, pasamos a estes perigosísimos lodos dun sinuoso inimigo diseminado polo mundo enteiro. 
Eses dirixentes de estados de maioría musulmá, tiranos ou non (al-Asad tamén), coñecían e sabían controlar os seus fanatismos de xeito interno. A Xihad é hoxe o pretexto á falta de alternativas certas, agora en terrorífica expansión. Destrúense ídolos, o patrimonio arqueolóxico milenario, téntase borrar do mapa todo vestixio que teña a ver cunha situación anterior ao propio Islam nunha sorte de infeliz “Planeta dos Simios”. Bórrase a memoria, a historia e anúlase o ser humano para convertelo noutro submiso e obediente. 
A vontade popular, isto é, a soberanía, estamos a ver en que pode ser convertida neste noso primeiro mundo.  A violencia racista (lemos no xornal) medra un 40% en Alemaña nun ano. A chegada masiva a Europa de persoas que foxen desesperadas de países en conflito é imparábel. Sobra saber que non son os culpábeis da deterioriación da nosa sociedade. O receo polo estranxeiro é a máis vella e dogmática das falacias. O fanatismo duns (islamistas) non se pode alimentar co fanatismo doutros (neonazis). Por iso que ha de ser sempre o estado de dereito o garante irrenunciábel ao que nunca nos podemos subtraer, ora tampouco deba ser feito a calquera prezo.
 

O INQUIETANTE AUXE DOS FANATISMOS

Te puede interesar