Foi finalmente a Crónica dunha Morte Anunciada. O resultado, semella ser o froito dunha auténtica conxura. Das que xa non quedan.Contan agora, os urdidores de entramados, que o epicentro pasou por dúas áreas xeográficas moi lonxanas.
Unha pola entrañábel Benavente, punto de cruce de tantos camiños, e a outra, pola tropical Colombia inmersa, paradoxicamente, no seu propio proceso de pacificación. Nunha, os actores son nacionais, cun alto nivel de cainismo acumulado en derrotas de Primarias, e con liderado andaluz. E na outra, semella máis internacional e de maior calado buscando os eternos, e nunca ben ponderados equilibrios globais. Sempre sorprende que os propios implicados, deixen tantos cabos soltos en todas estas historias escuras. Como se pretenderan pasar á historia das cousas importantes, van deixando pegadas demasiado evidentes dos que participaron, e do diferente nivel de importancia no papel representado por cada un deles.
Sempre houbo xefes e sempre houbo cachorros, incluso nas conxuras. O problema, unha vez consumada a operación derribo, é quen recolle os escombros e asume a responsabilidade de coser e instalar unha nova cultura da unidade, nun partido absolutamente roto. Nun partido onde, agora sí, hai unha distancia sideral entre os militantes, e as direccións orgánicas de calquera pelaxe e condición. No territorio xorden protestas, que falan da instalación dun clima que promete de todo, menos aceptar con total sometemento o feito de ser o instrumento para poñer no goberno ao PP.
Ademais, volven candidaturas a Executivas e a Primarias. En Galicia, Vigo aspira a controlar o partido dende o Sur, e algunhas das escaramuzas vividas,teñen que ver con estas manobras orquestrais na escuridade. Todos afían as súas armas. Ninguén pide a Paz, nin a Palabra.