Os medios e o galego

Preguntábame o outro día un amable lector o motivo polo que se traducían as declaracións feitas en galego, por un galego a un medio galego. Non se explicaba porqué tiñan que por entre comiñas unhas declaracións traducidas, sen o menor respecto pola vontade de quen as cedeu no seu idioma.
Eu non souben moi ben o que responderlle, xa que a meirande parte deses medios que traducen declaracións e que publican case todo integramente en castelán, aínda que leven o nome da Galiza ou referencias á galeguidade na súa cabeceira, son medios casteláns na súa forma e contido.
Son medios que se reparten os grandes anacos das subvencións por promocionar a lingua nas súas páxinas, e o que fan é relegalo a un plano máis do que anecdótico, mantendo unhas liñas dedicadas a cultura ou a facer un paripé o día das Letras galegas, poida que tamén o 25 de xullo, aínda que claro, este xa non parece ser o Día da Patria Galega, senón o do Santiago matamouros patrón das Españas.
Eu, cando tiña o meu propio medio, o xa extinto MundoGaliza, sempre editei todo integramente en galego, nunca traducín as declaracións de ningún entrevistado, e xamais puxen cortapisas á normativa que cada colaborador tivera a ben empregar. Indo desde un galego RAG a un Galego Internacional.
Os motivos? eu podo dar a miña opinión, mais é cada medio quen ten que responder dos seus criterios, atitudes e correspondencias.

Os medios e o galego

Te puede interesar