Renunciar

|

Estou abraiado da resonancia mediática que tivo a “xenerosa” renuncia do líder de Podemos, a ocupar un ministerio no hipotético Goberno do sr. Sánchez. Non entendo moi ben as louvanzas pola renuncia de alguén, a algo que non tiña, se ben admito que para unha boa parte dos profesionais da información, que ás veces teñen que sacar de onde non hai, a nova pode ter algo de “morbo”. A min non me parece que o xesto do sr. Iglesias sexa como para sacalo con letras de ouro no libro da Historia; porque coido que, salvando as respectivas distancias, é como se o veciño do quinto, que ten unha pequena conta na Caixa de Aforros, renunciase a ser o Presidente do Banco de España. Con todo o respecto do mundo pois, real ou virtualmente, calquera ten dereito a aspirar aos máis altos postos, políticos, sociais ou financeiros. Pola miña parte prometo renunciar ao premio gordo da lotería, coa condición de que llo pasen á miña dona, que nunca viría mal. Érache boa se colara, nonsi?

Renunciar