Albino Mallo

Non coñecía a Albino Mallo persoalmente. Sabía que era un periodista que comenzara a sea andaina no diario  vespertino “La Noche” en Santiago cando esta cabeceira substituíra ao “Compostelano” . No 1967 fusiónanse “El  Correo Gallego” e “La Noche” e un ano máis tarde o “Correo” volve a ser diario matutino. No 68 eu xa estaba en Santiago, estudaba alí e ía de cando en vez pola redacción do xornal aló na rúa Preguntoiro as tres da madrugada para embarcarme no coche que traía “El Correo Gallego”  a Ferrol. Namentres esperaba a que a rotativa rematara o seu traballo, deixábanme ler en primicia, aínda quente, ese xornal . Albino foi tamén director do “Ideal Gallego” pero denantes moitas cousas máis, como correspondente da axencia EFE polo mundo adiante. Agás isto e da publicación dun libro en “Galaxia” titulado “Algo máis que un café- O Derby de Vigo 1921-1968”  non sabía máis de Albino Mallo ata que ese invento chamado “Facebook” nos puxo en contacto. Axiña quedei enganchado a unha sección que publicaba e publica baixo o nome xenérico de “Mis famosos conocidos” onde repasa os contactos que tivo con personaxes do cine, das letras, do teatro, do deporte, da música etc, personaxes cuxo nexo de unión é a fama que os precedía. Resulta sorprendente comprobar a cantidade de famosos que entrevistou Albino Mallo perante a súa dilatada carreira como xornalista. Xa non abundan profesionais do mundo da comunicación como el, e un bo día amoseille o meu interese de saúdalo e así coñecelo. Aceptou encantado a miña requisitoria e quedamos en vérmonos en Santa Cruz de Oleiros nun bar preto da praia, e alá fun.
Santa Cruz fervía en festas e o punto de encontro, no centro da localidade, era un auténtico boureo con diversas pandas que competían a ver quen facía máis barullo falando a berros. Resultou moi difícil manter unha conversa tranquila nesas circunstancias pero malia iso o encontro con Albino Mallo cumpriu dabondo as miñas expectativas pois atoparte fronte a fronte cunha testemuña da memoria viva daquel xornalismo que se facía saíndo á rúa na procura das novas que puideran interesar aos lectores non che é cousa calquera. Chamoume a atención a súa cordialidade e a memoria que conserva para nomear personaxes, lugares e datas nas que se entrevistou con eles. Da “Nova Canción Galega” o sabe case todo e lembraba unha actuación de Miro Casabella e Xerardo Moscoso en San Sebastián cando traballaba alí exercendo coma xornalista e dunha entrevista que lle fixera a Luís Buñuel na que o cineasta, ao saber que Albino era galego, mencionoulle ao meu tío Xosé Rubia Barcia dicíndolle que eran moi bos amigos e colaboradores nalgunhas aventuras radiofónicas e cinematográficas co exilio como pano de fondo. Albino, logo de superadas as oito décadas de vida, ten un aspecto que non define a súa idade e aparenta estar en plena forma  que conserva dando os seus paseos polas inmediacións de Santa Cruz bordeando a mar que nos momentos da nosa entrevista atopábase encrespada por causa dun vento pertinaz. Obsequioume e dedicoume o seu libro “Algo máis cun café” no que fai crónica da vida social e cultural de Vigo dende os salóns do Café Derby, que rexentaba o seu pai, polo que pasaron tantos e tantos personaxes que tiveron esencial repercusión no devir cultural e social da cidade, de Galicia e de España. 

Albino Mallo

Te puede interesar