Un ano máis, a entrega dos premios “Mestre Mateo” que organiza a Academia galega do Audiovisual constitúe un bó momento para analisarmos as actuais dificultades do sector.Un sector que é industria (por certo dos sectores industriais menos subvencionados con fondos públicos) e compre reactivalo como tal. Mais tamèn é cultura. E os países sen cultura (os países sen industria audivisual) non existen, como ben dixo Carlos Ares, presidente da devandita Academia, na Gala de entrega deses premios.
O desleixo cara ao audivisual e, en xeral, cara á cultura da Administración galega ao longo dos oito anos de goberno Feijóo contribuiu agravar substancialmente unha moi fonda depresión que o sector é o primeiro en sofrir e o derradeiro en deixar: son os recursos para publicidade o primeiro que recurtan as empresas e os recursos para industrias audiovisuais e culturais o primeiro que curtou este Goberno. Das resultas desta grande depresión o sector ficou moi desartellado. Desfíxose en grande parte o traballo desenvolvido dende a Lei do Audivisual do 1999 por varios Gobernos, como recoñecen as empresas do sector.
En realidade, o principal recurso que fica no noso audiovisual son os seus excelentes profesionais: guionistas, técnicos, actores, directores…Mais a realidade cotián dos nosos actores é arrepíante: o 60% dos artistas galegos acadaron ingresos anuais inferiores aos 6000 €, o que os bota de cheo na pobreza. Os artistas sofren dunha grave desprotección social vencellada ás graves limitacións da súa relación laboral especial, inzada de cotizacións só por días ou por findes que lles impide acadar prestacións por desemprego ou xubilación. Velaí a urxencia de aprobar o Estatuto dxs traballadorxs do audiovisual, que lles equipare coa protección social dos traballadores doutros sectores. Na cuestión industrial, compre lembrar que a TVG é a principal ferramenta para a nosa produción audiovisual. Arestora a galega é a canle estatal que máis inviste en termos relativos en series de ficción. Mais as cifras haberían mellorar en documentais e longametraxes. A galega é unha das canles públicas que menos lle custa ao cidadán na Unión Europea e a súa existencia débese á promoción da nosa lingua e cultura no mundo, incluídos os nosos produtos audiovisuais. O sector ten grandísimas potencialidades e os inmediatos reptos tecnolóxicos están aí. O audiovisual galego ha ser un asunto de País.