Equidade

Recibidas e despedidas por un pequeno grupo de xentes, algunhas portando sinais onde se pode ler stop feminazis (a conto de que?), acudiron ao xulgado cinco mulleres do colectivo Femen, para seren xulgadas por uns feitos acontecidos hai tres anos, en pleno debate sobre a lei do aborto que pretendía levar a diante o ministro Ruíz-Gallardón. Sabido é que o seu proxecto non foi aprobado e que el presentou a dimisión. O presunto delito que estas mulleres cometeron, polas imaxes que vin no seu día e volvín ver agora, foi o de achegarse a unha manifestación “provida”, co corpo parcialmente espido, ilustrado con frases alusivas e berrando “aborto es sagrado”. Todo moi pacífico. Sinceramente non vin ningún sinal desa violencia que alguén lles apón. En verdade que me resulta ben máis escandaloso ver un proxenitor zorregando nun rapaz ou ameazándoo cun “déixate chegar á casa”, que unhas mulleres anden coas tetas ao ar como xesto reivindicativo. Uns colectivos católicos piden para elas 6.5 anos de cadea por eses feitos. Nunca vin tales colectivos pedindo pena semellante para membros da curia condenados por delitos sexuais con menores. Será isto máis grave?

.

Equidade

Te puede interesar