Cando un chega á categoría das chamadas eufemisticamente “clases pasivas”, non pode deixar de reflexionar sobre a situación dos pensionistas e cales son as perspectivas que se presentan cara a un futuro que se intúe incerto. Logo dunha prolongada vida laboral, logo de ter cotizado o tempo regulamentado para poder aspirar a percibir a pensión, un pensa ata que punto isto pode seguir sen solución de continuidade ou haberá que recorrer a outras fórmulas para garantilas nun futuro inmediato, e digo inmediato porque os malos augurios anuncian que só hai fondo para dous anos. Así as cousas o panorama non é moi optimista; máis ben todo o contrario. A percepción dunha pensión non é un agasallo ca Administración fai ao traballador, é un dereito que este adquire por ter cotizado un mínimo de 35 anos, e os gobernos deben andar na procura de garantir esa prestación para que o suxeito pasivo non entre en serias dificultades na última etapa da súa vida. Pero resulta que a caixa de pensións depende das cotizacións dos traballadores en activo, dos afiliados á Seguridade Social, que cada vez son menos, e por outra banda o Goberno bota man dos fondos de pensións para tapar outros buratos o que propicia que a caixa estea cada vez máis baleira. Segundo esta fórmula é necesario que haxa máis afiliados á Seguridade Social, máis xente que traballe, ou será preciso botar man doutro sistema de recadación. O liberalismo propugna que os traballadores recorran a fondos de pensións privados por esa querenza de iren en detrimento do público. Vale, pois que nos expliquen como un traballador cun salario de miseria pode acceder a un fondo privado de pensións. Porque estanos a dicir que se crean moitos postos de traballo, e eu nos serei quen polemice con isto agora, pero que clase de postos de traballo?; temporais, por horas... con salarios que están a crear unha nova clase social: a de traballadores pobres. Que van achegar estes traballadores? Gañando seiscentos euros ao mes pode un asalariado acceder a un plan privado de pensións? Pódese manter a caixa de pensións con soldos de subsistencia? Evidentemente non. Así que ante a imposibilidade de acceder a un fondo de pensións privado e diante da realidade da escasa cotización á S.S. xa me dirán cal é o panorama. Sen ánimo de caer en solucións que os neoconservadores poderían tachar, como non, de bolivarianas ocorréseme que o asunto podería pasar por un sistema de fiscalización máis solidario, e non me digan que isto é demagoxia porque populismo é enganar dicindo que se está creando traballo a esgalla cando neses datos entran os contratos varredura e outras praxes que lindan co campo da escravitude. O unha de dúas; ou se crea traballo con salario digno ou non habe0rá outra que ir a un novo imposto para incrementar o fondo das pensións porque o das privadas non che é máis cun negocio moi rendible para as entidades financeiras ( só en intereses, máis de 2.000 millóns de € ao ano). Hai moitos plans de pensión privados no mercado pero apenas ningún rendible para o cliente. E non vaia pasar con isto o que sucedeu coas preferentes. E a que ven todo isto; pois sinxelamente a que eu xa son pensionista e non me preocupa tanto o que vai ser da miña pensión, que tamén, como a incerteza de si os meus, os nosos fillos poderán percibila nun futuro. As solucións están na política, así que apuntemos ben á hora de elixir quen vai xestionar estes asuntos.