Aparentes contradicións do Goberno

|

Se valoramos a política do PSOE polas declaracións dos/as seus dirixentes, e polas decisións que adopta, semellan dunha gran incoherencia para aquelas persoas máis politizadas, xa que un día apostan por unha liña e ao seguinte pola contraria. Por exemplo, cando na Cámara de Deputados cuestiona a imputación por rebelión, e axiña, ignorando a postura do Consello de Estado, remite ao Tribunal Constitucional o pronunciamento contra a monarquía do Parlamento de Cataluña. Unha postura semellante acaba de aprobar o pleno do Concello de Barcelona. 
Agora ben, estas contradicións perden peso se a análise se realiza considerando que a finalidade dos socialdemócratas é conseguir os mellores resultados electorais nas vindeiras eleccións. O PSOE  non é unha excepción por perseguir este obxectivo, xa que na práctica o mesmo fai o PP, Ciudadanos, e tamén Podemos. Neste último caso en menor medida, máxime cando seu espazo electoral depende de que transmita a imaxe de alternativa de esquerda consecuente, da cal fixo uso e abuso (tendo en conta que carecía de historia). Polo tanto todo indica que as posturas tan diverxentes do PSOE e a enquisa do CIS están ligadas,  xa que lle dan un aumento moi grande de intención de voto, alentando adiantar a convocatoria de eleccións. Esta hipótese non deixa de ser unha especulación, mais non se pode obviar que a cuestión electoral é fundamental tanto para o Goberno como para a oposición. Por certo, os dados referidos á nación galega son pouco críbeis, aínda que a tendencia que marcan poda ser correcta. Neste contexto, semella que o PSOE pretende, por unha banda, recoller votos do centro, que o discurso de estrema-dereita e centralista de PP e Ciudadanos lle regalan, e pola outra, chuchar electores das clases populares que ven un xiro á esquerda no acordo con Podemos para os orzamentos de 2019. 
O compromiso do PSOE, como afirma Sánchez, consiste en cumprir cos ditados da Unión Europea mantendo o axuste fiscal, non axitar demasiado os poderes facticos (corporacións, exército, igrexa, etc), e realizar algúns cambios laborais e sociais que lle dean crédito. Todo isto sen dar maior espazo ao nacionalismo e a Podemos. Daquela que con calquera das dúas follas de ruta posíbeis, a de esgotar a lexislatura ou a de convocar eleccións, a primeira sexa a máis negativa para o PSOE. Razón pola que utiliza todas as tácticas posíbeis, mesmo as aparentemente contraditorias, na procura de atopar momento máis acaido para ser primeira forza. Consolidará o xiro á esquerda?

Aparentes contradicións do Goberno