OPP reforma a lexislación laboral para premer á baixa os salarios e reducir dereitos. Unha semana despois aumenta os impostos e o custe dos servizos básicos. Na seguinte, as pensións perden poder adquisitivo, hai que pagar máis polas medicinas e as taxas universitarias e redúcense os servizos públicos esenciais. Un mes despois, quérense baleirar de contido ás autonomías e eliminar concellos. E así, segundo Rajoy, será todos os venres, mentres goberne.
Coa única meta de que os grandes capitais aumenten os beneficios. Pouco importa para o Goberno e a Xunta que os resultados sexan máis desemprego, precariedade, marxinalidade e emigración. O único importante é deixar contentes os mercados, seica para evitar a fuga de capitais e acadar o equilibrio fiscal, a fin de evitar unha intervención. Aínda que non poden ignorar que os mercados gañan xogando á ruleta. Conseguir telos contentes neste escenario semella que só é posíbel xerando pobreza, desemprego e destruíndo actividade produtiva.
O sensato é poñer trabas á especulación, nacionalizar a banca, saír do euro. Semella que ningún destes aspectos vai ser considerado nen sequera como unha hipótese remota por Rajoy. Polo tanto, non hai máis camiño para as clases populares e as nacións sen estado propio, como Galiza, que o da resistencia activa.