CÁMARAS OCULTAS

Que o Tribunal Constitucional declare ilexítimo o uso da cámara oculta, como vén de suceder, coloca no terreo do prohibido unha boa parte da produción televisiva. A que demos en chamar despreciativamente “telebasura”, sen deixar por iso de mantela perfectamente engraxada con audiencias millonarias. Non é, polo demais, exclusiva dos programas popularmente coñecidos como do corazón. Penetrou nos procesos de produción informativa, contaminando as prácticas profesionais da investigación xornalística. En vez de garantir con elas o nível de veracidade urxido tanto polo mandato constitucional como pola función social á que se deben os medios, o que buscan é asegurar o negocio. Entreter e seducir audiencias convírtense no único mandamento.

Se para o primeiro se hibridizan os xéneros tradicionais nunha sorte de formato polivalente e neutro, o bautizado polos teóricos como “infoentretemento” –aquelo de divertirse ata morrer, en palabras do comunicólogo Neil Postman–, para o segundo redobran as marcas do amarelismo. O papel que xoga nese dobre obxetivo a cámara oculta optimiza a rendabilidade buscada. Porque pode poñer ao límite a confrontación de dous dereitos fundamentais, o de información e o de manter a nosa intimidade fóra dos observatorios públicos. Con ese artiluxio tecnolóxico non hai vida privada se lle resista a quen o utiliza co propósito non de conseguir un xornalismo de ideas, aquel que garante unha información de calidade, senón un xornalismo de sensacións, que é tanto como sustituir o intelecto polos baixos instintos. É nos híbridos informativos, os reality show e os talk show, coas variantes que van dos programas do corazón aos de sucesos, onde as televisións privadas amosan, sen prexuizo ético ou deontolóxico algún, esa obscena maneira de entender o xornalismo.

A sentenza do Constitucional, que lle nega á produtora audiovisual de El Mundo o recurso de amparo despois de ser condenada por gravar con cámara oculta e na súa consulta privada a unha esteticista, coloca a todos eses programas contra as cordas. Vai supoñer, con razón e para ben, un freo ao amarelismo televisivo, cada vez máis incestuoso. Non entanto, a virtualidade profiláctica que ese freo vai representar contra a proliferación de programas/ollo, sen máis obxetivo que o de saciar a curiosidade malsana de cantos disfrutan observando de tapadiño a outras persoas na intimidade das súas vidas, podería significar ao tempo un frenazo contra o bo xornalismo de investigación. En determinados casos, tal como xa se ten experimentado, de non ser pola cámara oculta, nunca se terían demostrado prácticas ilegais ou delictivas que afectan ao interese público -por exemplo, casos de corrupción, narcotráfico ou crime organizado-.

A sentenza prima o dereito á imaxe e á intimidade sobre o dereito á información, sen distinguir os diferentes usos que se lle poden dar á cámara oculta, á marxe polo tanto do tipo de exclusiva lograda. Polo demais, tamén suscita dúbidas a respecto da ilicitude proclamada en función do ámbito no que se produce a gravación. Resaltando esa ilicitude no feito de terse dado o caso enxuiciado nun escenario privado, cabe preguntarse se tamén o sería no caso de terse producido nun escenario público. Máis aínda. Preguntámonos se, en non quedándolle ao xornalista outro recurso para conseguir a revelación de feitos que teñan interese xeral, o Constitucional admitiría como lícito o uso da cámara oculta no ámbito público. Nunha segunda sentenza, talvez o aclare. Por necesario.

CÁMARAS OCULTAS

Te puede interesar