Saudade (Tal como éramos)

Teño diante, nun marco pendurado na parede do cuarto que eu chamo meu sancta sanctorum, no meu castelo azul de Caranza, unha fotografía, xa co cor sepia que lle dou o tempo. Nela un grupo de ledos rapaces pertencentes ao curso que acabou o Bacharelato no ano 1955 sorrín á cámara coa alegría propia da xuventude. Deste grupo saíron enxeñeiros, médicos, avogados, militares, comerciantes, farmacéuticos e policías. Todos eles excelentes nas súas profesións.
Algúns, desgraciadamente, xa non están con nós, desapareceron prematuramente cando eran magnificos proxectos de vida, uns debido a enfermidades e outros a tráxicos accidentes de tráfico, o que dalgún xeito fai máis dolorosa se cabe, a súa ausencia. Resístome a poñer nomes, penso que non é necesario, porque todos están na miña cabeza e no meu corazón.
Contemplando a foto todo se me volve recordos daqueles tempos nos que todo estaba por escribir nas nosas vidas. Penso que son moi afortunado por ter podido estudar naquel instituto Concepción Arenal dos anos cincuenta, cuns profesores extraordinarios e cuns compañeiros que logo foron amigos para sempre.  
A vida encargouse de espallarnos logo por todo o país e mesmo polo mundo adiante pero aquelas amistades forxadas durante os seis anos que durou o noso Bacharelato póñense de novo de manifesto cando nos xuntamos pola rúa Real de Ferrol que adoita ser o noso punto de encontro en tempos de lecer. Todos somos avós, calvos ou con pouco pelo, pero rexuvenecemos recordando aquelas inesquecibles vivencias dun tempo que xa non volverá. Todo é positivo, só contan os bos recordos, os malos non existen, foron esquecidos porque non teñen cabida na nosa memoria.
É a saudade, ese sentimento profundo tan de nós os galegos, a que me leva a escribir este humilde apunte dende o que me comprace saudarvos e enviarvos unha forte aperta. ¡Saúde e longa vida! Aos que xa non están connosco, un nosopaiciño xunto cun recordo apaixonado.
Paxariño louro
gaiteiriño lindo
cántame no peito
que o teño ferido

Saudade (Tal como éramos)

Te puede interesar