A UTILIDADE DAS RECOMENDACIÓNS DO FMI

Máis unha vez o FMI recomenda ao Goberno español que faga recortes sociais, que considera esenciais para consolidar a recuperación da economía e do emprego. As medidas serían: a redución das indemnizacións por despedimento inxustificado nos contratos indefinidos; o copago do ensino e da sanidade; e o aumento dos impostos indirectos (IVE).
No caso dos despedimentos, emprégase o argumento de que hai unha fenda moi grande entre os contratos fixos e os temporais, quérese minguar a distancia rebaixando as indemnizacións. Na práctica dáse un paso máis no obxectivo de convertelos todos en eventuais, xa que a única diferenza real é o custe que ten para a empresa o despedimento improcedente dun traballador/ra indefinido.  
O copago  das prestacións en materia de saúde e ensino xa existe, polo que a pretensión é aumentar a carga sobre o usuario, o que afectará máis á clase traballadora, e por suposto a aquelas familias formadas por persoas dependentes, anciáns ou cativas. O efecto desta medida é unha rebaixa dos ingresos das clases populares. O aumento do IVE, afecta ao consumo, e polo tanto tamén en maior medida ás familias de menores ingresos. Son todas propostas que teñen como obxectivo equilibrar as contas reducindo prestacións públicas, e mantendo as políticas fiscais e de axudas laborais que favorecen a concentración e centralización da riqueza e do poder.
Non é casual que o FMI faga unha e outra vez estas propostas, porque sempre lle son útiles ás corporacións, ás grandes fortunas e aos partidos sistémicos. Nuns casos, sérvelles como escusa para apoiar medidas sempre impopulares.
Noutros, cando hai eleccións próximas, para sacar peito e dicir que o Goberno central ten a súa propia folla de ruta e que “non se contempla tomar este tipo de medidas”. Isto era o que afirmaba hai uns días De Guindos nun programa televisivo. Mais todo amosa que aínda que agora freen o proceso, esa é a tendencia á que se entregaron en corpo e alma, disque para competir, aínda que é por pura cobiza.
Aquilo de que se trataba de decisións moi duras e transitorias mentres durase a recesión, xa nen sequera forma parte da lembranza.

A UTILIDADE DAS RECOMENDACIÓNS DO FMI

Te puede interesar