Moitas son as cousas que, a nivel emocional polo menos, teñen acontecido nestes últimos días. O “ciao” dado polos británicos (o repetidísimo Brexit), a segunda volta das eleccións e o paso discreto da selección española pola Eurocopa, metéronnos ou, quizá, téñennos aínda metidos nun bon brete. Interesante, doutra parte, sempre desde o noso o punto de vista. E digo interesante sen deixarmos de ollar con preocupación e inquietación porque canto sobreveña de aquí vai depender o noso futuro, quer máis inmediato, quer non.
Se a democracia é unha das expresións da liberdade que máis nos deberan orgullar como cidadáns nun Estado de dereito, ese ‘constructo’ que na escala animal permitiu deixarmos a un lado o máis emocional e irracional, tratar agora de terxiversar esa orde estabelecida de se as urnas deben ou non falar, pode até parecer un mau exemplo. Talvez se poida discutir acerca dos cándo e dos cómo, de se as campañas son ou non as máis axeitadas, de se os medios de comunicación xogan ou non limpo, etc. Mais impedir un referendo, cuestionar ou arrepentirse tras el, aí, amiguiños, xa estamos a falar de cousas ben diferentes. Os programas dos partidos, a sondaxe popular acerca do descontento coa UE, a especial e até extravagante relación do Reino Unido con esta, a negativa ao espazo euro. Motivos ben suficientes había para a súa celebración.
O caso é que, de repente, parece coma se todos ficásemos orfos. A segunda potencia económica fóra da UE! Os nosos intereses comerciais no limbo! Os nosos Erasmus! Os nosos emigrantes!... Que se vaian de inmediato!, dixeron uns; teñen dous anos por diante!, dixeron outros. A desconexión, sexa como for, hase de producir. De que maneira? Mil e un imponderábeis existen, que son cos que se xoga nese marabilloso universo do supracapital, das altas finanzas económicas e alta política de despachos, onde, e precisamente iso, haberá de ser guisado para todos saíren beneficiados. Aos intereses comercias alemáns nas illas británicas, polo visto, xa están a falar de que non se lles poñan trabas a través dun convenio bilateral. Atado e ben atado. Díganme se non: que lles pode preocupar a moitos británicos tendo toda a súa Commonwealth e a súa posición idónea de amizade cos EEUU de tantos anos xa!
Estas que escribimos son liñas, á fin e ao cabo, apresuradas, produto do pouco pouso. Pero perdóesenos o atrevemento do erro que poidan conlevar, e vexan o que agora lles conto. Acabo de ler unhas interesantes reflexións do poeta portugués L. Filipe Sarmento: as grandes perdedoras das eleccións españolas foron as sondaxes a pé de urna, un erro clamoroso, e ao estilo da escola inglesa, aseverou. Ademais, apunta con sarcasmo acerca da dificultade dos españois coas linguas, ‘non sendo a súa propia’ (dixit) e a comprensión das linguaxes; e agora vén o máis interesante: comeza a ser escandalosa a incapacidade dos españois para entenderen as linguaxes social, económica e política do seu país de varias realidades nacionais. E aínda prosegue falando acerca do voto á corrupción, dun partido podre até as entrañas, que os españois votaron pola mentira, polo roubo perpetrado por unha banda de facinorosos, etc. En defintiva, a ira sobrevinda tras o estupor producido ao ver estes resultados e que a tantos outros, que queren que lles diga, tamén nos asalta.
A canalla é a canalla. Non vive, necesariamente, en afastadas e profundas covas. Obsérvese, se non, o bálsamo con que se viviu todo o caso de Gea, inmerso no proceso de prostitución de menores do empresario do porno Torbe, durante o que durou a participación española na Eurocopa. Até o ministro do Interior saíu por el falando de que había que deixalo tranquilo. Quorum absoluto, enmudecemento da clase política e da sociedade, absolutamente abducida. Porque era cuestión de Estado. Ai daquel que disinta en asuntos patrióticos! Hase de ver a partir de agora se se abre a veda ou non ao asunto, alén do do adestrador defenestrado. Porque esta cuestión (a de de Gea) non deixa de ser un asunto que tamén habería que observalo a través do trasluz desta sociedade, machista en xeral, e hipermachista e até acosadora, para o caso do mundo do fútbol en particular. Véxanse contraportadas de diarios deportivos, azafatas de automobilismo e ciclismo, ademais de moitos outros exemplos máis explícitos, como o de Ribéry e Benzema.
Señores, esa tamén é a canalla! E se a alguén puidésemos ofender cos comentarios, é que, cando menos, algo ten que meditar. Porque, nunha certa medida, todos somos culpábeis.
Como tan culpábeis son os medios de comunicación convencionais dando distorsionadas sondaxes ou profetizando (manipulando?) co anatema do medo, quer para as eleccións españolas, quer para o Brexit. Perdan coidado: todo, ao final, ha de vir ao rego. Pensen, se non, nestoutro panorama: o Reino Unido fóra de UE, entrada da Unión no TTIP e reactivamento da tensión na Ucraína co fin de Putin asentar o seu poderío na zona. Desalentador, non?