DESAFÍOS CON RUBALCABA

Os delegados do PSOE víronse abocados a optar entre dous candidatos á segredaría xeral que, malia pregonaren o cambio que precisa con urxencia a organización, ningún deles o encarnaba. Entre un gran rofesional da política, seguramente o mellor da casa socialista, pero cargado de pasado, e unha muller ambiciosa, seguramente a mellor colocada para ascender dentro desa mesma casa, pero demasiado marcada polo zapaterismo. Non é que Rubalcaba estea libre dese sambenito, pois que compartiu con ZP tódalas decisións polas que agora penan na oposición. Pero non ten ese bautizo de orixe co que Carmen Chacón naceu á vida pública española. Escolleron finalmente, aínda que por unha diferencia ben curta de 22 votos, non a quen unha ben engraxada mercadotecnia a revestira coas roupaxes dunha renovación sen data, a anos vista, senón a quen por experiencia, densidade e autoridade interna mellor pode resistir e combatir a depresión na que malviven o partido e a militancia despois do 20-N.

Ao meu ver, acertaron. Sen menospreciar a capacidade de Chacón para repoñer forzas, e para sintonizar moito mellor que Rubalcaba co Estado plural que el supedita ao ‘español’, nas circunstancias actuais, cun PP atornillando o poder cuase absoluto que deriva dun control institucional sen precedentes, e coa crise económica poñendo a proba os ADN da esquerda, nada como o que caracteriza ao novo secretario xeral para afrontalas a peito descuberto. Curtido en mil batallas, temido pola súa implacable dialéctica, a súa elección é para Rajoy e a súa iniciada contrarreforma a peor das noticias. A súa solidez intelectual, unida ao acostumbrado que está como químico a prever as consecuencias de calquera acto ou decisión, e a autoridade moral que posúe internamente malia o estacazo de novembro, aportan o resto. Tanto para reaxustar e vitaminar unha oposición de alternativa á dereita gobernante, como para reconstruir a renovación ideolóxica que Zapatero, e os máis zapateristas, deixaron pendente.

Porén, sigo defendendo que o que o PSOE necesita neste momento é moito máis que a elección dun líder. Ten que coser os rotos polos que se lle escabulliron nada menos que catro millóns e medio de votantes. Un traballo nada mecánico, que esixe repoñerlle ao proxecto socialdemócrata as pilas cuxa descarga veu provocada non só pola crise, en si mesma mortal para calquera partido de goberno, tamén pola vacuidade dunha maneira de facer política e de gobernar. Certo que Rubalcaba vén desa vacuidade, que tivo na personalidade e nas dúbidas hamletianas de ZP o seu mellor caldo de cultivo, pero só un político das súas condicións pode facer sen complexos, como se se tratase do seu último e definitivo desafío público, o camiño de volta.

Ten pouco tempo por diante , pero se o sabe aproveitar en desafío, unha idea que os indecisos do 38 congreso viron no discurso perfectamente estruturado, sereno e pedagóxico, dándolle os votos do trunfo, fará que a cancha do partido quede preparada para que outros -a propia Chacón, entre eles- rompan a arañeira que agora separa ao partido do seu electorado. Claro que para iso tamén ha de saber administrar, sen sectarismos, o poder que onte lle deron as bases.

DESAFÍOS CON RUBALCABA

Te puede interesar