Eu tivera un parente que morreu sen estar estado nunca en Buenos Aires. Mais o conto é que coñecía o mapa da capital porteña de pe a pa. E falaba de San Telmo, a Boca, Caballito, Vicente López como se tivese pasado a vida nestes barrios. Non sei se “plateados por la luna”, mais case que si. Porque meu parente, lástima fora, amaba os tangos. Como me pasa a min. Por iso, eu que tampouco estiven nunca en Buenos Aires, fago por percorrelo idealmente, a través de películas, libros e –desde logo- a música que vén de alá. Maiormente o tango. Por iso celebro con ledicia a aparición dun cedé chamado, precisamente, Tango, interpretado polo Dúo Rosas, que son, Julia María Dopico Vale (á bandurria) e Daniel Adzemian (guitarrista). Combinación pouco usual, mais impecable, para poñer no aire unhas das fórmulas musicais máis sofisticadas desde a súa orixe popular, por non dicir canalla (dígase isto no mesmo senso que se pode falar dun modernismo canalla). Acontece que o tango acada unha pureza, na música, na letra, que ultrapasa o tempo. E por iso ten un aquel de clasicismo, verquido neste cedé por Julia Maria e Daniel. Con tangos de Astor Piazzolla, ese xenio que lle dera unha volta ao invento, e outros tan inmensos e archicoñecidos como “La cumparsita”, “Volver” ou “Caminito”. Tan só botei en falla “A media luz”, polo que devecía o meu parente, coñecedor de Corrientes, e non só 348 senón do comezo ao remate. Iso para outra vez. Felicitacións, Julia María e Daniel. Sodes moito aínda que só sexades dous.