Nebulosas

|

os meus recordos infantís está moi viva a presenza da radio e, logo, desde comezos de 1963, tamén da televisión. 
Lembro moitos programas de ambos os medios, sobre todo da tele, pero sobre todo os informativos, que escoitei, con maior ou menor atención e grao de comprensión desde ben pequeno. Asócioos sobre todo aos xantares e algo menos ás ceas. Xa de adolescente e mozo fun, ademais, ouvinte habitual de Hora 25, incluída a deportiva, coa que frecuentemente ficaba dormido. 
Ese costume de ver telexornais mentres xanto –principalmente os da primeira cadea da TVE, agás cando me irrita en demasía o escoramento cara á dereita extrema e as súas supostas bonanzas– seguino practicando toda a vida. 
Penso, pois, que non digo mentira ningunha se manifesto que, despois da cantidade de disparates que terei escoitado en tantos anos, non é doado que me sorprenda con algunha información ou declaración. Mais sempre é posible o pasmo. O último, que supoño non derradeiro, sobreveume antonte, cando lle escoitei dicir a dona Cayetana Álvarez de Toledo: “No es una operación ideológica, es una operación, insisto, democrática”, sic. E sei que é cita textual porque, como non entendía nada do que quería dicir con esas palabras, busquei as declaracións na rede e volvinas escoitar. E debo confesar que fiquei nas mesmas. 
Esas palabras viñan a conto do anuncio da señora Arrimadas –que non de Ciudadanos, se atendemos ao dito polo señor Igea, o seu rival na loita pola presidencia– da disposición do seu partido a aliarse co PP nas próximas eleccións a celebrar en Cataluña, no País Vasco e en Galicia, porque, segundo ela, hai unha ameaza nacionalista e hai que unir forzas. Iso si, poñendo como condición que a alianza se faga nas tres comunidades. 
En Cataluña e no País Vasco o PP parece estar totalmente de acordo, mais non parece ser así na Galicia, onde o PP xa dixo que a única fórmula para ir xuntos sería baixo as súas siglas. 
O partido do señor Núñez Feijóo entende, ademais, que aquí non fai falla alianza ningunha porque entre nós o constitucionalismo non está en perigo. Gustaría de saber que é o que entenden por constitucionalismo, pois teño dúbidas de que fagan uso do vocábulo no sentido recto do mesmo, como acontece con outros termos dos que os dirixentes da dereita fan un uso excesivo, creo que co acendido ánimo de atacar os rivais politicos despois da última derrota electoral.
Terminoloxía confusa a miúdo acompañada de anuncios de denuncias, como a de saber se dona Delcy Rodríguez pousou a punta ou o tacón en territorio español. En fin.

Nebulosas