ADEUS VERÁN, OLA OUTONO

Márchanos o verán, se é que neste ano algunha vez estivo, e xa está aquí un novo outono. E o verán despídenos, como tantas outras veces, con tempo de trona, agobiante. Se cadra, de tormenta estival –a derradeira da temporada– poderiamos cualificar as aínda quentes manifestacións de Nicolas Sarkozy a propósito do seu futuro político. Só hai xustamente dous anos que o electorado francés lle dixo que non nas urnas para lle dar a vitoria absoluta a François Hollande. Mais este, en tan pouco tempo, leva camiño de superar as desfeitas de Blair, Papandreu e Rodríguez Zapatero xuntos. Aproveitando, o desastre e botando tamén man do espectacular ascenso do fascismo lepeniano séntese chamado pola “desesperanza” que nestes meses sentiu entre os seus concidadáns; semella non lle queda outra que chamar pola esperanza, Il semble que qualqu’un ait convoqué l’espoir, que canta l’amoureuse Bruni. E envólvese na bandeira sentimental da patria: “Quero demasiado a Francia; estou apaixonado de máis polo debate público e polo futuro dos meus compatriotas como para velos condenados a elixir entre o espectáculo desesperante do presente e a perspectiva dun isolamento sen saída”. Non nos sona ter escoitado por aquí palabras case idénticas hai tres anos? E alguén, que non sexa Mariano Rajoy, ou Cristóbal Montoro, ou outros dos seus correlixionarios viu por algures raiolas de luz ou esperanzadoras saídas? Son dos que cren que de onde non hai non se pode sacar, pero non dos que non hai nada que facer. Sempre hai moito que facer. O que hai é que saber e, sobre todo, querer facelo. Cando foi electoralmente derrotado, o expresidente francés quixo deixar sentado que abandonaba a política, prometeu que nunca máis se ía saber del. Que pode prometer ó pobo quen rompe as súas promesas en tan escasa marxe temporal? Na canción “Tout le monde” –máis unha vez Carla Bruni– fálase de que habería que raclamar ó poder unha lei contra a soidade e o esquecemento: Il faudrait que tout l’monde réclame auprès des autorités, /une loi contre toute notre solitude, /que personne ne soit oublié,/et que personne ne soit oublié. Totalmente de acordo, máis aínda nos tempos que corren, pero tamén habería que reclamar, non dos poderes senón da xente, que tampouco se esqueza –e menos tan axiña como Sarkozy as súas promesas– quen son os causantes desa soidade e dese esquecemento das persoas. Decisións como a de Sarkozy –que non é o primeiro, nin, por desgraza, o último en tomalas– resultan dificiles de entender para os que nunca tivemos o máis mínimo interese en ocupar cargos políticos remunerados e, en consecuencia, xamais tivemos que mover un dedo para optar a eles. A xente ten que vivir do traballo na súa profesión e, se acaso, podería ocupar temporalmente, non máis de dez ou doce anos, cargos públicos. E, evidentemente, remunerados. Ben remunerados e lonxe das patochadas da señora de Cospedal en Castilla-La Mancha. A pura vocación, como a permanencia excesiva, poden ser bos aliados das corruptelas (ou corrupcións) todas.  Porque salvapatrias para forrarse atopámolos onde quer que miremos. O de Sarkozy será outra rexeneración como as que prometen por aquí? Onte mesmo, como en días pasados, xa apareceron, demo? ou dedocraticamente elixidos, candidatos variados para ocupar alcaldías. Obviamente, haberá que ocuparse deles. Hoxe abonda co case seguro candidato francés. Por certo, é ben sabido que está inmerso nun procedemento xudicial por un presunto delito de financiamento ilegal nas eleccións de 2007. O presunto financiador foi Gaddafi, quen, como alguén xa se encargou de eliminalo, non vai poder declarar. Unha caixa B das que tamén se fala por aquí. Agora, ademais, investígano por, presuntamente, montar unha rede de tráfico de influencias, co obxectivo de obter información subterránea sobre o caso anterior. Poderá ter algo que ver con todo isto o seu anunciado regreso á política? Un paso adiante como as autodenuncias que aquí estiveron de moda?  Quen sabe? Polo vasto (nalgures tamén basto) territorio español hai presuntos corruptos que disque van concorrer ás eleccións. Cousa lóxica e normal?

 

ADEUS VERÁN, OLA OUTONO

Te puede interesar