Acaba de publicarse a Orde ministerial que regula a proba final de secundaria. Vén substituír a, afortunadamente, frustrada reválida. Non obstante, por que ese interese en establecer unha avaliación diagnóstica nun curso final de etapa que pecha o ensino obrigatorio? A quen beneficia? Quen vai levar os millóns que Bruxelas destina para estas probas? Segundo a propia lei, o obxectivo é avaliar o sistema educativo no seu conxunto coa finalidade de mellorar a calidade e a equidade. Soa a chiste, verdade? Quen pode crer que o goberno dos recortes en educación pública vaia implementar medidas contrarias ás que ata agora aplicou? Experiencias de países veciños, como o caso de Portugal, onde se realizan avaliacións similares en cada ciclo de primaria e secundaria confirman que non axudan a mellorar os resultados, xa que só un 74 % do alumnado consegue a titulación. Mais o goberno das reválidas xa nos meteu un novo gol, desta vez non hai contestación social de ningún tipo. Hai que recoñecerlle a súa capacidade para driblar.