Morre en Vigo aos 87 anos a poetisa, novelista, tradutora, ensaísta e dramaturga Xohana Torres Fernández. Como di acertadamente un comentarista, autora de referencia imprescindible na literatura galega contemporánea. Nada en Santiago de Compostela estudou o bacharelato no Instituto Concepción Arenal de Ferrol onde coñecín a tan polifacética muller alá pola segunda metade dos anos corenta.
Naquel tempo, baixo a dirección de Don Victorino, profesor de literatura que logo sería director durante moitos anos, representaron os alumnos do último curso, a obra de Lope de Vega titulada “Peribáñez y el Comendador de Ocaña”. Tería eu dez ou once anos e aínda recordo frases enteiras daquela magnífica representación, a primeira obra de teatro que vía na miña vida. Este é o argumento: “O comendador investido da súa autoridade, pretende a Casilda, a fermosa muller de Peribáñez, recorrendo para conquistala a tódolos medios que lle da a súa moi alta posición. Rechazado o pretendente e informado o marido, un humilde vilán, fire de morte ao Comendador o que desata a ira do rei, Enrique III el Doliente, quen ordena matar a Peribáñez. Marido e muller preséntanse ante o rei, pregándolle a oportunidade de defenderse diante de toda a corte. Ao rei parécelle xusta a defensa que da súa honra fai Peribáñez, perdóalle a vida e o deixa ceibe”. Pola súa temática a obra pode incluírse no grupo do que deu en chamarse “dramas de la honra villana” onde honor e honra, considerados privativos da aristocracia, pasan a ser patrimonio tanto de nobres como de viláns.
Xohana facía de Casilda, muller de Peribáñez interpretado, creo recordar por Carlos Perille, outro ilustre ferrolán, tamén desaparecido. Xa por aqueles difíciles tempos da súa xuventude, a literatura en galego e mesmo en castelán eran a principal vocación da nosa escritora que chegou a ocupar un lugar sobranceiro na escrita en ambas linguas e mesmo a ser membro de número da Real Academia Galega, que hoxe chora a súa morte e recorda a súa obra.
Para rematar esta moi breve semblanza, práceme contarvos aquí a seguinte anécdota: Un bo dia alá polo ano 64, en que coincidín con Xohana nunha xuntanza de ferroláns en Vigo, onde vivía, recordeille, a modo de saúdo, aquelo tan fermoso que lle dicía Casilda ao Comendador que a requiría de amores, “Mas quiero yo a Peribáñez con su capa a la pardilla que no a vos Comendador de Ocaña con la vuesa guarnecida”, que é ao meu xuízo a síntese da obra de Lope, onde se manifesta o verdadeiro amor dunha muller polo seu home.
Moito lle gustou a miña evocación, feita case vinte anos despois de xeito tan espontáneo.