Os bos e os malos

Oprimeiro que me veu á cabeza cando souben das recentes denuncias de ataques a buques de transporte de produtos petrolíferos que navegan polo golfo de Omán foi o acontecido no porto da Habana o 15 de febreiro de 1898: o estoupido e afundimento do Maine, feito ao que se fixo referencia nalgúns diarios. Van aló 121 anos e aínda non está totalmente clarificado o que alí aconteceu, o habitual cando non interesa que así sexa. Os xornais ianquis da época, ademais de manipular ao seu antollo as noticias que lles ían chegando, xa utilizaron esa técnica tan común nos nosos días de publicar noticias falsas, inventadas. Falábase con insistencia que o buque fora minado e mesmo bombardeado, mais non se dicía por quen. Naturalmente, faltaría máis, en ningún momento se barallou a hipótese dunha operación de bandeira falsa, esa que consiste en planificar e realizar accións que poidan ser doadamente atribuíbles a outros para así ter a xustificación para actuar contra eles. A prensa, co seu “Remember the Maine, to Hell with Spain!”, dedicouse a crear o clima propicio para a declaración de guerra a España, que tería lugar un par de meses despois. España tiña que expiar o crime cometido e para iso debería abandonar Cuba definitivamente. Como así sería.
Coñezo esta historia desde neno, non en balde meu avó Santiago Paz chegou á Habana no tempo en que tivo lugar, creo que pouco antes, mais non teño a data precisa, por iso, como dicía ao comezo, foi o primeiro no que pensei nese asunto de ataques no Oriente medio. Sucesos que parece que non se deben desvincular das declaracións do presidente Trump e de membros da súa administración referidas a supostas deteccións de aumento das manipulacións de uranio por parte de Irán para fins pouco claros. E esta é outra. De cando en cando bombardéannos informativamente co perigo que supón que determinados estados poidan ter a capacidade real de fabricar bombas atómicas. Por suposto que é un perigo, mais non me parece que este sexa maior que que a posúan os Estados Unidos. Simplemente, porque ata a data de hoxe son o único país que ousou facer uso delas, e en dúas ocasións, por se unha non abondase. Creo que un detalle que non convén perder de vista. Por que eles si e outros non?

Os bos e os malos

Te puede interesar