Defensa numantina

|

s lexións romanas cercaron Numancia do 153 a de C. ao 133 e os numantinos resistiron ata o inusitado. De ai que diante dunha defensa tenaz falemos de “defensa numantina”. O mesmo que as meigas, non sei se existen defensas numantinas pero habelas hainas e a proba disto é esa carta que asinaron catro expresidentes en defensa do exministro Martín Villa, catro líderes que ben poderían representar aos catro xinetes da Apocalipses ideolóxica: todos a unha sen que a cidadanía saiba exactamente a razón. É sabido que á xente non se lle dan razóns malia repetir por activa e pasiva que o poder está non pobo e este é o que máis ordena: entelequia pura e dura.
Sería normal nunha democracia normal que o delincuente asuma a súa responsabilidade sexa cal sexa a súa condición porque a lei debe ser igual para todos ( outra entelequia) . Se Martín Villa foi responsable de faltas graves, algunhas contra os dereitos humanos, de lesa humanidade, debería ser xulgado por elas, xa que logo esa defensa dos catro expresidentes todos de acordo non se entende a non ser que haxa cousas que o pobo non debe saber malia ser considerado como “soberano”. ¿Que move a estes catro personaxes a actuar desta maneira? ¿saberá Martín Villa mais cousas das cloacas do poder das que sospeitamos? Pois é posible e por iso convén aplicar ao personaxe a lei do punto e final, o non menealo e segamos adiante que aquí non pasou nada. 
Hai que ver como nos manexan e ata que punto nos defraudan sobre todo aqueles que no seu momento presentábanse como líderes na defensa dos menos favorecidos, dese humanismo onde o ser humano está por enriba das cousas. Un pode entender a líderes conservadores actuando dentro da praxes do conservadurismo que defenden pero que representantes máximos do socialismo actúen como conservadores xa resulta máis difícil de asumir. Ao final un conclúe que todo isto ten a súa lóxica porque quedou dabondo demostrado que os intereses partidistas e persoais son primeiro que mellorar as condicións da vida da xente á que se pode manipular dicíndolle: ¡imos facer isto, imos facer o outro...! imos, imos, pero nunca chegamos a onde dicimos que imos. A democracia debe ser máis participativa e poder dicirlle aos nosos ¡por aquí non!. Esta carta do cuarteto non axuda moito á idea que debemos ter dunha sociedade xusta na que a lei e a liberdade deberan ir da man. Si, iso pensabamos algúns.

Defensa numantina