ILUSTRES FERROLANOS ESQUECIDOS

As  rúas de Ferrol adoitan levar nomes maiormente católicos ou militares cando non claramente traficantes de escravos. Máis harmoniosos con España, como ente castelán, ca cos galegos ou ferroláns. Temos unha praza de Armas, unha de España e outra de Amboaxe. Certo que non hai moitos anos bautizaron as da Constitución e a Ilustración. Pero foi un bautismo sen madriña. Somentes os grises e pobres ensanches trouxéronnos topónimos dos galegos inmigrados coma Río Lambre, Sor, Miño e emigrados coma a rúa Navegantes. Hai outros ben paveiros coma Casal dos Ovos, Prolongación da Batalla de Brión (estranamente revolucionario nunha cidade departamental) ou rúa da Terra, coma querendo suliñar o carácter rural ou deleixado desa arteria que une o centro de Ferrol co bairro de Canido.
Mais Ferrol nunca foi xeneroso cos galeguistas ou cos ilustres das esquerdas. Aínda hoxe calquera concello da bisbarra ten ben máis rúas adicadas a eles ca nosa cidade. Curros Enríquez, sen ir máis lonxe, ten unha rúa que foi esnaquizada polo acceso ao polígono da Gándara dende a zona de Catabois, lugar de doentes e mortos, anque conserve no topónimo a feliz tarefa dos bois sementais.
E a Gándara que tamén conserva a lembranza de cando ese gran cemento comercial, onde tamén cheira a morto (alí está a incineradora do tanatorio do povo dos ártabros), era un gran humidal con fermosas aves e baños. Cantos ferrolanos saberán, incluso algúns dos que alí moran, que temos a rúa Curros Enríquez e que éste foi un poeta celanovense e cicais un dos mellores poetas sociais? Se o souberan ao mellor non estariamos hoxe Mirando ó chau. Confeso que eu decateime porque na miña neneza, a mellor amiga do colexio vivía alí. E daquela, eu xa coñecía poemas de Curros polo costume de meu pai recitalos en calquera anco, de súpeto. Así adeprendín os primeiros. Pois ao que ía, xustamente a rúa que tallou a Curros leva o nome dun galeguista de esquerdas, filólogo e escritor antifeixista: Ernesto Guerra da Cal. Certo que viviu moi pouco tempo en Ferrol.
Formouse en Lugo e Madrid, onde coñeceu a outros egrexios coma Neruda, Lorca, Blanco Amor... Participou naquela senlleira experiencia republicana que foi La Barraca. Alistouse nas Milicias Galegas durante a Guerra Civil. Contactou con Castelao e outros exiliados. E foi grande na universidade de Columbia onde dirixiu o Departamento de Español e Portugués, coma tantos galegos forzados a fornecer intelectualmente outros países que non os perseguesen. Defendeu a dignificación da nosa lingua e a integración de Galiza no mundo da lusofonía. Pode que vendo o Espelho cego no que seguimos a nos mirar a maioría dos galegos. De feito, recibiu abondosas distincións académicas tanto de Portugal coma de Brasil.
Non sei de ningunha ferrolana, galega ou española. A non ser esa rúa e a defensa por parte dun grupo minoritario da povoación. Non me estrana que se retirara a morrer a Estoril e Lisboa. Alí se sentiría máis arraigado ca na cidade antigaleguista que segue a ser Ferrol.
Finalmente, o sábado 30 de agosto, irán xa setenta e oito anos do fusilamento de José López Bouza, outro insigne ferrolán, cunha rúa en Caranza e unha asociación sociocultural que o lembra. Rematou precisamente esa noite, véspera do San Ramón, paseado no cemiterio de Catabois. Este home foi  sindicalista e político de Izquierda Republicana. Asemade, foi escritor e xornalista. Anque o que me interesa traer aquí é a súa entrega á educación do proletariado, xa que lles daba clase de balde tanto aos obreiros coma aos seus fillos.
José López Bouza  tamén destacou por selo primeiro en proporlle ao concello facer a primeira rede de abastecemento e distribución de auga na nosa cidade dende a Fervenza. Iso din as pescudas dos historiadores locais. O cal sitúao no cerne da actualidade coa guerra da auga que temos en ferrolterra. Nos seus tempos a xestión da auga era pública e hoxe temos ata a ialma nunha concesión a décadas a escuras empresas que impoñen as tarifas e agochan as chapuzas so dos plenos municipais. Menos mal que os cidadáns  están a espertar en iniciativas cidadáns que prometen democratizar este cortello de pitos cairos.
Co que se amosa, que a  cultura, a memoria, a auga e a toponimia son ponlas vitais da mesma raigame!

ILUSTRES FERROLANOS ESQUECIDOS

Te puede interesar