Nobel para Dylan

|

Decepción, tomadura de pelo, farsa son cualificacións escoitadas despois de coñecerse a noticia de que a Academia Sueca decidira concederlle o Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan. Tamén houbo quen declarou que lle parecía moi ben, estupendo... Mesmo o noso Diario de Ferrol do venres titulaba unha información sobre o tema: “Araguas, ‘eufórico’ co Nobel”. E por aquí quero empezar. Hai cousa de ano e medio, asistín con inmenso pracer –porque son da xente que sempre se alegrou dos éxitos dos amigos tanto como se fosen propios– á defensa da tese de doutoramento de Vicente Araguas, celebrada no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, o que foi o meu centro de traballo desde 1989, cando se creou esta Universidade por segregación da de Santiago. O traballo de investigación presentado versaba, precisamente, sobre os textos das cancións de Bob Dylan. E non de todas, que podería ter sido o conto de non acabar. Porque son máis que moi bo amigo do doutor Araguas, desde hai xustamente, 60 anos, sei que a súa idea de investigar sobre este tema para doutorarse  non foi moi ben acollida. Cando lla transmitiu a algún que outro catedrático de Filoloxía Inglesa houbo quen consideraba que era un asunto menor para unha tese. Non se desalentou. Tirou para adiante e concluíu o traballo con cum laude. A súa opinión, xa que logo, é moi digna de ter en conta.
Sempre que algo se afasta do de sempre produce máis ruído do habitual neses casos. Sabemos que o Príncipe de Asturias das Letras, non é o Nobel, mais tampouco é un galardón cativo. E Dylan xa o mereceu –aínda que non acudiu a recollelo– en 2007. Como tamén o mereceu Leonard Cohen -que ademais de cantautor tamén é poeta e narrador- en 2011. E penso que non debeu haber grandes desacordos porque non me acordan para nada.
Cando souben o do Nobel pensei que non estaba mal. A fin de contas, recordaba que en 1997 llo concederan a Darío Fo, que, precisamente, acababa de falecer, un dramaturgo, aínda que, se cadra, máis recoñecido pola súa poderosísima presenza nos escenarios que polo calado creador de textos.
E veume á cabeza o ensaio de Jean-Paul Sarte, ¿Qué es la literatura? (Qu’est-ce que la littérature?), o polémico texto escrito ao redor destas tres sobradamente coñecidas cuestións: que é escribir, por que escribir e para quen escribir, que lin na miña bonita edición da editorial Losada, en excelente tradución de Aurora Bernárdez, a galega-arxentina que foi muller de Julio Cortázar. Unha das cousas que Sartre quixo mostrar é que a literatura é tamén unha cuestión de compromiso cos problemas do seu tempo. Que a literatura era a subxectividade dunha sociedade en constante revolución.
E aí paréceme ver moitos dos textos poéticos cos que Dylan nos deleitou durante tantos anos. Non é casual que nestes días tamén puidésemos escoitar que, tal vez, tivese máis lóxica a concesión do Nobel da Paz que o de Literatura. Outra opinión cabal. A Sartre, por certo, lle concederon o Nobel de Literatura do ano 1964, galardón que rechazou. E se non me trabuco, ese foi tamén o ano en que, Vicente Araguas e máis eu, nos achegamos a Dylan, escoitándoo na súa casa, naquela enorme radiogramola que trouxera o pai de non sei onde. Cincuenta anos despois, en xullo do pasado, alí estabamos no madrileño Barclaycard Center vendo e escoitrando o seu Never Ending Tour.
Sobre se o de Dylan é literatura poderiamos responder cun dyliniano: “The answer, my friend, is blowin’ in the wind / The answer is blowin’ in the wind””
 

Nobel para Dylan